O profesor Julio Abalde comeza o seu segundo mandato como Reitor da Universidade da Coruña con “forza, ilusión renovada e novos proxectos”

Nota de prensa
14/01/20 14:30
  • Institucional

A Coruña, 14 de xaneiro de 2020.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, entregou esta mañá o bastón de mando da Reitoría da Universidade da Coruña ao profesor Julio Abalde Alonso, despois de que o catedrático de Microbioloxía fose reelixido Reitor nas eleccións do pasado mes de decembro co 70% dos votos.

O Paraninfo da Reitoría acolleu hoxe o acto de investidura do novo Reitor así como do resto do equipo de goberno da Universidade da Coruña para os vindeiros catro anos. O acto rematou cos discursos do reitor e do presidente da Xunta.

Equipo de goberno da UDC:

 

  • Reitor: Julio Abalde Alonso
  • Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia: Salvador Naya Fernández
  • Vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente: Nancy Vázquez Veiga
  • Vicerreitor de Profesorado e Planificación Docente: Alberto Valderruten Vidal
  • Vicerreitora de Internacionalización e Cooperación: Pilar García de la Torre
  • Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica: Domingo Calvo Dopico
  • Vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade: María José Lombardía Cortiña
  • Vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade: Amparo Casares Gallego
  • Vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte: Cristina López Villar
  • Vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social: María Jesús Movilla Fernández
  • Secretario Xeral: Carlos Aymerich Cano

 

Feijóo comezou o seu discurso dando os seus parabéns ao Reitor e a todo o seu equipo de goberno que comeza unha nova etapa cunha cerimonia que “culmina un episodio de democracia universitaria”.

 A institución universitaria é desde o seu nacemento, “un faro para os pobos”, segundo Feijóo quen destacou o “papel singular” que as universidades teñen na sociedade. O presidente ratificou o “compromiso de Galicia coas súas universidades” e avanzou que este compromiso incrementará os fondos destinados ás universidades no próximo plan de financiamento para o Sistema Universitario de Galicia.

Feijóo anunciou ademais a creación dun novo programa de captación de talento investigador para as universidades, similar ao existente na Universidade da Coruña, o programa InTalent UDC-Inditex, que se convocará o vindeiro mes de febreiro con 15 prazas para investigadores de alto nivel, das que 10 serán para o retorno de investigadores a Galicia aos que dotarán dunha axuda para que desenvolvan os seus proxectos de investigación nas universidades galegas.

O presidente rematou o seu discurso garantizando o éxito deste segundo mandato do reitor Julio Abalde pois conta –destacou- coa experiencia exitosa do primeiro. Feijóo citou unha frase de Abalde na que éste se comprometía a establecer unha maior relación da universidade co seu contorno, e asegurou que a Universidade da Coruña xa traballa neste compromiso co proxecto a Cidade das TIC que contará co apoio explícito da Xunta de Galicia, segundo confirmou o presidente esta mañá no Paraninfo da Reitoría.

Discurso do Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, no acto de toma de posesión do seu segundo mandato:

 

“Sr. Presidente da Xunta de Galicia

Sra. Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Sres. Reitores das universidade de Santiago e de Vigo

Sres. Presidentes dos Consellos Sociais das universidades da Coruña e de Vigo

Sr. Presidente do Parlamento

Sr. Delegado do Goberno

Sr. Alcaldesa da Coruña

Sr. Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Membros da Mesa do Parlamenyo de Galicia

Sr. Fiscal Xefe de Galicia

Deputados e Deputadas. Senadores e Senadora

Sr. Alcalde de Ferrol

Alcaldes e alcaldesas da áreas metropolitanas

Concelleiros e concelleiras da Coruña e a súa área metropolitana

Autoridades, membros das comunidade universitarias do SUG, amigas e amigos todos:

 

Vaia por diante o meu sincero agradecemento a todas as persoas presentes por ter a xentileza de se achegar hoxe ao Paraninfo e ser partícipes desta miña segunda toma de posesión como reitor da Universidade da Coruña. Agradecemento persoal que fago extensivo ás institucións públicas e entidades privadas representadas e que nos honran compartindo con nós o arranque dunha nova etapa da UDC.

A nosa comunidade universitaria honroume ratificando a súa confianza en min e no meu equipo, logo dun proceso electoral participativo que, de novo, se desenvolveu de xeito exemplar. Podémonos felicitar por iso. A miña fonda gratitude polo apoio recibido, mais tamén o sentimento de responsabilidade polo amplo apoio recibido pola nosa proposta. Esperamos estar á altura desa confianza e da xenerosidade da comunidade universitaria da Coruña e Ferrol.

As distintas visións, os diferentes proxectos ou as sensibilidades dispares non deben impedir nunca o debate sereno e a contraposición de ideas e experiencias. Coido que así se fixo de novo nos nosos campus e así llo agradezo ao profesor Martínez Abella e a todas as persoas que apoiaron a súa  candidatura.

Afronto un segundo mandato coa mesma ilusión que en 2016, con novas enerxías e proxectos e coa bagaxe que achega a experiencia, sumamente enriquecedora, dos catro anos de xestión do primeiro mandato.

Novas ideas e compromiso renovado para unha universidade en expansión. Por iso propuxemos un programa de expansión sumando ideas e persoas. Un programa revitalizado, coherente, realista, que imos poñer en práctica desde o primeiro minuto para completar actuacións xa en marcha e activar outras comprometidas para este período.

O noso equipo proponse liderar unha nova etapa para a que queremos contar con todos os membros da comunidade universitaria. Con todas e con todos sen excepción, porque, alén a obvia responsabilidade de cadaquén, os cambios acelerados da sociedade do noso tempo demandan de nós axilidade, altura de miras e resolución para ir por diante dos grandes desafíos que temos ante nós.

Co propósito de nos adiantar ás necesidades docentes, científicas e de transferencia do futuro inmediato encaramos, con proxectos xa definidos, a maior expansión da Universidade da Coruña dos últimos anos.

Mediante a colaboración das administracións públicas e das empresas do sector proxectamos, como se sabe, aproveitar instalacións da antiga Fábrica de Armas da Coruña para configurar un polo de innovación tecnolóxica baseada na formación, na investigación e na transferencia ao sector das tecnoloxías da información e a comunicación, que é punteiro na nosa área, e onde a Intelixencia artificial, o BigData, a robótica, a fabricación aditiva ou a Industria 4.0 marcarán as claves do noso desenvolvemento económico, empresarial e industrial para o futuro de Galicia

Cremos que este proxecto da Cidade das TIC é máis que un proxecto universitario, é un proxecto de cidade e de país, porque ten unha gran transcendencia para o progreso económico e o benestar da nosa sociedade, no contexto do novo modelo de economía do coñecemento en que xa estamos inmersos.

A expansión física inclúe a execución de dous proxectos relevantes no campus de Ferrol.

Por unha banda, imos construír un novo edificio para levar a el distintos servizos, ademais do Centro de Investigación de Industria Intelixente, especializado en industria 4.0, especialmente a vinculada ao sector naval. Coa colaboración de Navantia e da Armada, pretendemos que se converta axiña nun centro de referencia no seu campo, reforzando así o futuro industrial de Ferrol e da súa comarca. Tamén imos aproveitar a cesión do Ministerio de Defensa para adaptar para usos universitarios o edificio da Residencia de Batallóns.

Esa ollada posta no futuro inmediato, ese desexo de nos anticipar ás necesidades e de liderar os cambios obríganos a unha permanente procura e revisión da calidade do ensino que impartimos nas nosas facultades e escolas.

Calidade e tamén a necesaria versatilidade (rigorosa versatilidade, diría eu) para que a oferta docente estea en sintonía cos cambios fondos no coñecemento, as formas de o adquirir e as destrezas e habilidades que se lle demandan aos profesionais altamente cualificados que se forman nas aulas.

A procura da calidade implica modernizar as titulacións, revisalas e actualizalas de xeito que os graos e os mestrados faciliten un mellor acceso a un mercado laboral cambiante. A profesora Amparo Alonso lembraba, na súa lección inaugural do curso, os estudos que conclúen que tres de cada catro traballadores terán que cambiar ou adaptar o seu traballo contra o ano 2030.

Estamos a xestionar a integración dos estudos do Grao en Turismo nun centro propio da UDC (único título que non se podía cursar na nosa universidade a prezos públicos) e pretendemos que xa no curso 2020 se poida abrir a matrícula para o novo Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía. Temos plans para mellorar e potenciar a nosa oferta de titulacións en liña e semipresenciais e para ampliar a oferta de cursos abertos e masivos (os coñecidos como MOOC) cunha especial atención ás posibilidades que ofrecen para estudantes dos países de fala hispana.

A experiencia acumulada ata agora evidéncianos que os plans de captación de alumnado de grao e de mestrado deben seguir paralelos á ampliación do catálogo de dobres titulacións e de titulacións internacionais. Do mesmo xeito imos mellorar a xestión dos programas de doutoramento, tanto nos controis de calidade como na súa xestión así como novas modalidades de realización co doutoramento industrial.

No marco temporal dos vindeiros catro anos completaremos e consolidaremos moitas das iniciativas modernizadoras e reformadoras que puxemos en marcha nos últimos anos no contexto da universidade pública de calidade e galega pola que apostamos xa nos períodos anteriores en que estiveron á fronte da Reitoría os profesores José María Barja e Xosé Luís Armesto.

Mais tamén queremos ser unha universidade innovadora na nosa oferta académica. No curso pasado e no presente incorporamos ao noso catálogo de titulacións os graos en Xestión Industrial da Moda, en Paisaxe (primeiro grao interuniversitario do SUG), en Xestión Dixital de Información e Documentación, en Ciencia e Enxeñaría de Datos, en Creación Dixital, Animación e Videoxogos e o primeiro grao universitario con itinerario dual de Galicia, Enxeñería Eléctrica. Así mesmo, perfilamos a oferta de mestrados priorizando a súa calidade e o seu carácter interuniversitario.

Os plans de captación de alumnado, en calquera dos seus niveis, deben ir (e van) acompañados do maior rigor e esixencia na calidade académica. Nesa liña nos movemos cando impulsamos a obtención dos selos europeos de acreditación de títulos, tanto de grao como de mestrado, dispoñendo da acreditación EURO-ACE para os graos en Enxeñaría de Obras Públicas e en Tecnoloxía da Enxeñaría Civil e para o Mestrado en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, e recentemente acabamos de recibir o informe provisional favorable dos selos EURO-INF para grao e mestrado en Enxeñería Informática.

Este é o camiño correcto, en consonancia con dúas liñas estratéxicas da Universidade da Coruña ás que me vou referir brevemente.

A primeira delas é o proceso de internacionalización, que implica un significativo salto cualitativo da nosa Universidade, visible tanto na captación de alumnado estranxeiro, como nos títulos conxuntos, na extensión das aulas plurilingües ou na formación internacional de doutorandos. Estas actuacións permitíronnos triplicar a presenza de estudantes estranxeiros nas nosas aulas nos últimos catro cursos.

O segundo aspecto é o proceso de especialización dos campus para fortalecer o noso posicionamento no sistema universitario español e facilitar sinerxías académicas e científicas co noso contorno social, cultural e económico. Para este proceso foi imprescindible orientar moitos esforzos e cumprir os compromisos de estabilización do profesorado.

O Campus Industrial de Ferrol, o Campus Sustentabilidade e o Campus Innova da Coruña son o froito dunha traballada reconfiguración en que se implicou toda a comunidade universitaria, consciente da oportunidade de poñer en valor as nosas fortalezas e de abrir novas ventás de oportunidade para o traballo académico e científico interdisciplinario. Conscientes tamén de procurar unha cooperación máis estreita coas administracións públicas e coas empresas de sectores punteiros ou emerxentes das distintas áreas de coñecemento.

Formulamos o proxecto da Cidade das TIC sobre a base da experiencia acumulada polo centro singular CITIC, Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións, punto de confluencia de investigadores da Universidade da Coruña e das empresas do sector.

Traballamos para obter a cualificación de centro singular para o CITEEC, en liña coa nova estrutura de centros de investigación que promove a Xunta de Galicia. Os dez laboratorios do CITEEC, que visitamos hai un ano Sr. Presidente, reúnen un nivel óptimo para ampliar a súa colaboración en proxectos de empresas e administracións españolas e para buscar novos horizontes no ámbito internacional.

Temos a confianza de que o novo escenario político e institucional na administración do Estado abra para todas as universidades españolas unha etapa de estabilidade e de ambición científica e innovadora, co obxectivo común de reducir a brecha co resto de Europa canto a porcentaxe do PIB destinado a I+D+i (os datos máis recentes de Eurostat, referidos a 2018, sitúan a España no 1,24 do PIB fronte ao 2,06 da Unión Europea). Percíbese unha lenta mellora, pero non abonda. Só con que de verdade se executase o orzamento público adxudicado no Estado a investigación e innovación dariamos un salto cualitativo espectacular, pois a realidade é que en 2018 non se executou nin a metade do que se orzamentou.

A excesiva burocracia pesa como unha lousa sobre os investigadores. No noso programa levamos algunhas medidas orientadas a paliar na medida do posible ese problema. Crearemos unha Oficina Europa para promover que os grupos de investigación participen no programa Horizonte Europa 2021-2027 co debido asesoramento para acceder aos seus fondos.

Universidade e investigación forman un binomio inseparable que ten o talento como elemento motriz común. Non aforramos nin aforraremos esforzos para captar e reter talento, para o cal melloraremos programas tan eficaces como o InTalent, financiado pola empresa Inditex, con resultados moi exitosos na captación de axudas Starting Grant, Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo. Queremos investir en talento porque é rendible economica e socialmente. Só un dato ao respecto: por cada euro investido no programa InTalent UDC-Inditex neste momento, ademais de permitir recuperar para a nosa comunidade a 6 investigadores e investigadoras excelentes, conseguimos xa un retorno de 4,5 euros por cada euro investido.

Mencionaba antes que a titulación en Paisaxe era o primeiro grao compartido entre universidades galegas. Neste caso entre o campus de Lugo e o da Coruña. A nosa universidade e a Universidade de Vigo, no campus de Ourense, están traballando sobre o plan de estudos dun segundo grao compartido. Será o grao en Relacións Internacionais, que esperamos poderlle ofertar ao alumnado no curso 2021-2022. Na parte que nos corresponde impartirase na Facultade de Humanidades de Ferrol, que está en proceso de reformulación das súas titulacións, despois da desaparición do grao de Humanidades, supresión que non se corresponde coa importancia dos estudos e principios éticos e humanísticos que todos afirmamos reivindicar.

As experiencias dos graos e mestrados compartidos entre as universidades galegas agochan un valor particular e revelador da capacidade do sistema universitario galego para se fortalecer mediante a colaboración e a lealdade. Galicia será un país máis forte e con máis futuro canta máis calidade e eficiencia atesoure o seu sistema universitario e para iso é preciso que, deixando á marxe intereses particulares e localistas, sexamos capaces de poñer en común todas as nosas capacidades polo ben do noso país.

Con ese mesmo espírito de colaboración e de suma de esforzos e recursos, afrontaremos este ano a negociación dun novo plan plurianual de financiamento 2021-2025. Temos a oportunidade de establecer un novo marco que lle achegue aos campus un financiamento suficiente e incondicionado, co que se superen as moitas estreiteces que vimos padecendo desde os anos duros da crise, e que seguen limitando as posibilidade dos nosos campus.

Na Universidade da Coruña cremos que a estrutura do actual plan de financiamento do SUG vai no bo camiño pero cremos necesario que se incremente a partida destinada ao financiamento estrutural das universidades galegas. Igualmente defendemos a mellora do fondo por resultados, de xeito que se poida incrementar tamén no novo plan plurianual, pero non a costa de reducir o financiamento estrutural. Promoveremos as reformas pertinentes para garantir o financiamento do 100% do incremento retributivo, así como que a administración autonómica asuma o custo dunha desexable e xusta igualación das taxas de grao e mestrado.

Debemos ter moi presente un dato preocupante, que xa subliñei na apertura do curso no sistema universitario español, un acto que o Rei presidiu, en setembro, neste mesmo Paraninfo: as universidades españolas enfrontamos a nova década en manifesta inferioridade de condicións, pois os axustes e os recortes aplicados durante a crise deixáronnos con 10.000 millóns menos de financiamento.

Cómpre que se reverta esta situación se de verdade apostamos polas universidades e polo seu papel central no cambio de modelo económico, o mesmo para formar profesionais do século XXI que para seguir achegando a investigación precisa para o progreso material e cultural do país.

Un recente estudo da CRUE establece –en termos estritamente económicos neste caso– que a universidade española xera un 2,12% do PIB e que lle devolve á sociedade 4,3 euros por cada euro que as administracións públicas invisten no seu financiamento, similar ao sinalado anteriormente no programa InTalent, aínda que aí era con fondos privados.

A universidade segue a funcionar como ascensor social e segue a ser fundamental para a igualdade de oportunidades e para a cohesión social. A educación superior é a base sobre a que se asentan os traballos cualificados e máis estables.

Congratúlame particularmente que o estudo do que falo (La contribución socioeconómica del sistema universitario español) constate que a Universidade forma cidadáns con valores.

Ás veces teño a impresión de que nós mesmos non somos conscientes abondo desta dimensión da institución universitaria, malia que o veñan certificando as enquisas de valores sociais ano tras ano.

De aí que, noso proxecto para os vindeiros anos, lle outorguemos a importancia que ten de seu. Sirva como exemplo que as cuestións de igualdade pasen ao primeiro nivel na estrutura do equipo de goberno, tamén serán obxectivos prioritarios a redución da pegada ecolóxica na UDC, a extensión do programa Green Campus, a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a economía circular; en definitiva, avanzar cara ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030 da ONU.

Dito doutro xeito e en termos coloquiais: predicaremos co exemplo. Traducir á xestión e á organización cotiá o noso compromiso coa igualdade de oportunidades, contra calquera tipo de discriminación e no apoio a todas aquelas iniciativas e accións que teñen como horizonte facerlle fronte á emerxencia climática.

Señor Presidente, asumo con forza, con ilusión renovada e con novos proxectos esta nova etapa á fronte da Universidade da Coruña que traballará solidaria e lealmente para facer do Sistema Universitario de Galicia un instrumento útil para a sociedade da nosa comunidade, a quen nos debemos, porque nos financia cos seus impostos.

Conto de novo cun magnífico equipo ao que se incorporan as profesoras Amparo Casares, María José Lombardía, Cristina López e María Jesús Movilla.

E quero aproveitar este acto simbólico para facer público recoñecemento do labor que desempeñaron ata hoxe mesmo as vicerreitoras Araceli Torres e Margarita Amor, a nosa gratitude para as dúas. Tamén quero ter un recordo e agradecemento para a miña familia, da Coruña e de Vigo, que bota en falta a quen nos deixou recentemente.

Sei que conto tamén co compromiso de toda a comunidade universitaria e coa colaboración das administracións e entidades públicas e privadas para sumar ideas no nobre obxectivo de facer crecer a miña universidade, a nosa universidade, a universidade de todas e de todos.

Moitas grazas”.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC