O investigador da Universidade da Coruña Ramón Doallo recibe o Premio Nacional de Informática 2018

Nota de prensa
31/10/18 11:11
  • Institucional
  • David Vilares Calvo, tamén da Facultade de Informática da UDC, Premio “Joven Investigador”

 

A Coruña, 31 de outubro de 2018.- O investigador Ramón  Doallo  Biempica, Catedrático da Facultade de Informática da Universidade da Coruña recibiu o Premio Nacional de Informática 2018, nun acto no que tamén se entregou o Premio “Joven Investigador” a David Vilares Calvo, tamén da Facultade de Informática da UDC.

Os investigadores recibiron os seus galardóns onte na Fundación BBVA en Madrid nun acto no que estiveron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor.

Os Premios Nacionais de Informática, que se conceden con periodicidade anual, están convocados pola Sociedade Científica Informática de España e a Fundación BBVA e constitúen os premios máis prestixiosos a nivel estatal no ámbito da Enxeñería Informática. En concreto, estes premios están dirixidos a recoñecer o labor de investigadores, entidades públicas e privadas na área da Informática que dedicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.

A modalidade Aritmel, na que foi galardoado Ramón Doallo, está dirixida a aqueles investigadores, menores de 55 anos, que realizasen sobresalientes achegas científicas na área da Enxeñería Informática. Doallo pertencente ao Grupo de Arquitectura de Computadores do Departamento de Enxeñería de  Computadores. No seu fallo, o xurado destacou ao investigador da UDC polas súas sobresalientes achegas á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico.

 

Premio “Joven Investigador”

Nestes Premios Nacionales de Informática 2018 tamén foi galardoado como “Joven Investigador” David Vilares Calvo, investigador do Grupo de Investigación en Procesamento da Linguaxe Natural, Enxeñería Lingüística e Recuperación de Información da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, polas súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial énfase na súa aplicación á análise de sentimentos en redes sociais.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC