O impacto dos algoritmos verdes: un webinar para abordar os seus retos éticos, sociais e xurídicos

Nota de prensa

2/04/25 9:34

  • Institucional

A Coruña, 2 de abril de 2025.- No marco do Programa Nacional de Algoritmos Verdes (PNAV), mañá xoves, día 3 de abril, ás 10:00 horas, celebrarase o webinar “Ecosistema PNAV: Implicacións éticas, sociais e económicas dos algoritmos verdes”. Nesta sesión, o equipo da Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes analizará o impacto da intelixencia artificial desde a perspectiva das ciencias sociais.

A Cátedra forma parte do PNAV, un plan xestionado pola Subdirección Xeral de Fomento e Regulación da Intelixencia Artificial, dependente do Ministerio de Transformación Dixital e da Función Pública.

 

Psicoloxía e Dereito

A sesión abordará esta cuestión desde dúas disciplinas: a Psicoloxía e o Dereito e contará coas aproximacións de dous membros do equipo de investigación da Cátedra e da Universidade da Coruña. Adina Dumitru, especialista en Psicoloxía Evolutiva e da Educación, falará sobre “Barreiras e facilitadores do comportamento pro-ambiental: perspectivas psicolóxicas con aplicación á IA”; na que fará unha análise dos factores que inflúen na adopción de comportamentos sostibles e como integralos no deseño de ferramentas de IA.

Javier Sanz, experto en Dereito Administrativo, presentará o relatorio “Cara a ordenación xurídica dos algoritmos verdes: regulación e/ou autorregulación?”, explorando o marco regulatorio actual e futuro necesario para desenvolver algoritmos con impacto ambiental positivo.

Ademais, a directora da Cátedra e investigadora do CITIC da UDC, Verónica Bolón, fará unha presentación da actividade e dos obxectivos desta iniciativa que forma parte do ecosistema do Programa Nacional de Algoritmos Verdes, destinado a situar España na vangarda da investigación e aplicación de mellores prácticas para o desenvolvemento da IA verde e así contribuír á redución do impacto ambiental das tecnoloxías dixitais.

O Programa está integrado por expertos independentes, universidades, startups, certificadoras, entidades industriais, tecnolóxicas, provedores cloud e organizacións gobernamentais que compartan o seu compromiso coa sustentabilidade.

Para asistir a esta sesión online, só é necesario rexistrarse a través da seguinte ligazón.

 

Investigación para reducir o impacto ambiental das TIC

A Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes é unha das 21 cátedras ENIA (Estratexia Nacional en Intelixencia Artificial) concedidas polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Dirixida pola investigadora do CITIC, Verónica Bolón, a cátedra busca, a través da investigación reducir o impacto ambiental das aplicacións informáticas, así como o seu uso para atopar solucións sostibles, máis coñecidos como “algoritmos verdes”.

A Cátedra segue catro liñas de investigación:

  • Desenvolvemento de algoritmos eficientes a nivel enerxético.
  • IA para eficiencia enerxética e desenvolvemento sostible.
  • Robótica sostible.
  • Estudo das implicacións éticas, sociais e económicas dos algoritmos verdes.

O equipo de persoas que forman parte da cátedra está composto por 20 membros, 16 dos cales están adscritos ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC (CITIC).

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC