O grupo de investigación en Reactividade Química e Fotorreactividade colabora coa empresa Edar Bens no estudo dos contaminantes emerxentes nas augas

Nota de prensa
22/10/19 14:22
  • Institucional

A Coruña, 22 de outubro de 2019.- O grupo de investigación “Reactividade Química e Fotorreactividade” (REACT!) da Universidade da Coruña ten un proxecto conxunto coa empresa Edar-Bens, S.A. para o estudo de contaminantes orgánicos emerxentes nos efluentes que recibe a planta de tratamento de augas residuais de Bens.

Os obxectivos deste proxecto son a detección e caracterización dos contaminantes emerxentes presentes nas augas que chegan á Edar-Bens, e nas que saen tras o tratamento completo de depuración na planta. Ademáis, en colaboración co grupo “Ciencia e Técnica Cibernética” (CTC) téntase desenvolver un sistema de sensorización para proporcionar alertas temperás sobre a presencia destas substancias, a fin de mellorar o funcionamento do proceso de tratamento.

Os contaminantes emerxentes son substancias orixinadas pola actividade humana, presentes normalmente en moi baixas concentracións e sobre as que non están ben estudados os seus posibles efectos, tanto sobre os seres vivos coma sobre o medio. Entre os moitos contaminantes emerxentes presentes nas augas atópanse fármacos, pesticidas, hormonas e produtos de coidado e de hixiene persoal así como colorantes textís e outras substancias de diversas orixes: urbano, agrícola, industrial, etc.

O grupo de investigación REACT! está formado por investigadores da Facultade de Ciencias e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña. O grupo CTC está formado por investigadores do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) de Ferrol.  Con este proxecto a empresa Edar-Bens convértese en pioneira no estudo dos contaminantes emerxentes nas augas residuais.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC