O equipo XORprecha gaña a segunda edición da CITIC Cyber Competition

Nota de prensa

30/03/23 10:54

  • Institucional

 

  • A Cyber Competition é un certame sobre ciberseguridade organizado polo Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo, co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade.
  • Un total de 119 estudantes de centros de bacharelato, FP, e universidades de toda España enfrontáronse a diversos retos en ciberseguridade co obxectivo de “capturar a bandeira”.

 

A Coruña, 30 de marzo de 2023.- Máis dun cento estudantes de Bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster de centros educativos de España, organizados en 32 equipos, participaron na tarde do mércores 29 de marzo na segunda edición da CITIC Cyber Competition, unha competición no ámbito da seguridade informática organizada polo Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo. O evento contou co patrocinio da Cátedra R en Ciberseguridade e o apoio da Facultade de Informática da UDC, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e o Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade (MUniCS).

A CITIC Cyber Competition contou con 119 estudantes, 50 dos cales participaron desde a sede do CITIC na Coruña, 29 desde a sede de atlanTTic en Vigo e 40 deles o fixeron en modalidade virtual.

Competición CTF (Capture The Flag)

A competición desenvolveuse en formato CTF (Capture The Flag) ou captura a bandeira, de modo que os e as participantes tiveron que resolver diferentes retos en ciberseguridade e no menor tempo posible “capturar a bandeira”. Durante 4 horas, os 32 equipos enfrontáronse a 21 retos relacionados con diversas temáticas como a esteganografía, é dicir, as técnicas que permiten ocultar mensaxes ou datos dentro doutros de xeito que non se perciba súa existencia; a ciencia forense ou o pentesting, unha práctica consistente en atacar un sistema informático coa intención de atopar as súas debilidades de seguridade.

Os tres equipos gañadores foron premiados con galardóns de 1.000 €, 700 € e 400 € cada un. O equipo que máis puntuación obtivo foi XORprecha, composto por Ismael Melchor Juan, Esteban Segura Ripoll, Álvaro Manso Porteiro, Pedro José Navas Pérez e José Ángel Álvarez Sánchez; o segundo premio acadouno o equipo HackOn, formado por Orois García, Armando Nogueira Río, Rubén Pérez Jove, Gabriel Díaz Guimaraens e Olalla Rama García; e o terceiro premio recaeu no equipo CumbiaOnTheFlag formado por Anxo Otero Dans, Javier Pérez Arias, Julián González Muñoz, Javier Rodríguez Campo e Nicolás Alonso Ojea.

Programa da CITIC Cyber Competition

O acto de apertura contou coa presenza do Reitor da Universidade da Coruña, Julio E. Abalde Alonso; o director do CITIC da UDC, Manuel F. González Penedo; a subdirectora do atlanTTic da Universidade de Vigo, Yolanda Blanco Fernández; directora da Cátedra R en Ciberseguridade e coordinadora do MUniCS na UVigo, Ana Fernández Vilas; o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Javier Cabrera Canosa; e a delegada de Protección de Datos do Grupo MASMOVIL, Susana Rey Baldomir. Todos eles coincidiron en destacar a necesidade de estar protexidos ante as ameazas que acompañan ao desenvolvemento dun mundo hiperconectado e a importancia de apostar por eventos destas características que fomenten o interese por esta disciplina entre a mocidade.

O director da Cátedra R na UDC, Carlos Dafonte Vázquez; a directora da Cátedra R en Ciberseguridade e coordinadora do MUniCS na UVigo, Ana Fernández Vilas; o decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Javier Cabrera Canosa; e a delegada de Protección de Datos do Grupo MASMOVIL, Susana Rey Baldomir, foron os encargados da entrega de premios e clausura do evento.

 

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade. 

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS). A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Foto 1: Primeiro premio da Cyber Competition 2023

Foto 2: O CITIC da UDC acolleu a 50 dos 119 participantes, o resto competían desde a Uvigo (29) e en modo virtual (40).

cyber_competition_2023

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC