A Coruña, 1 de marzo de 2023.- O alumnado de Espazo Compartido, título propio da Universidade da Coruña para a formación de mozos e mozas con discapacidade intelectual, está a facer un intercambio universitario internacional no Instituto Politécnico de Leiria (Portugal).
Durante esta semana terán a oportunidade de compartir experiencias, clases e traballos con estudantes de educación, traballo social, educación social e ciclos formativos de grao superior na Escola de Educação e Ciências Sociais desta universidade portuguesa.
En concreto, o alumnado de Espazo participan nas aulas abertas de “Boas prácticas de educación inclusiva na universidade” e “Prácticas de emprego e inclusión laboral”. Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer o Centro de Recursos para a Inclusión Dixital, referente en accións de accesibilidade e inclusión no ensino superior e o encargado da posta en marcha do futuro programa homólogo de Espazo Compartido no Politécnico de Leiría.
Por outra banda, participarán mañá xoves, 2 de marzo, nas primeiras “Xornadas internacionais de Tecnoloxía para a Inclusión”, nas que colabora o Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) na súa organización e será seguida por máis de 350 persoas de España, Portugal e Brasil.
O programa académico inclúe tamén hai tempo para o lecer e facer un pouco de turismo por esta rexión do centro de Portugal.

Toda unha experiencia de autonomía, crecemento e aprendizaxe que é posible grazas á colaboración de empresas como Indupanel, e entidades como Santander Universidades, Fundación ONCE e o Consello Social da UDC.
Espazo Compartido
Espazo Compartido é un programa, pioneiro no sistema universitario autonómico e un dos primeiros no ámbito nacional, promovido pola Universidade da Coruña de formación en habilidades persoais, sociais e competencias básicas, para a empregabilidade e a inclusión laboral de mocidade con discapacidade cognitiva. Trátase dun proxecto que naceu en 2013 coa pretensión de abrirlles o espazo universitario a colectivos que non poden acceder polas canles de formación ordinarias. Dende o 2017, Espazo Compartido reconverteuse nun Curso de Formación Específica de Posgrao bienal de 72 créditos ECTS (dous cursos), con clases na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, polo que o alumnado recibe un diploma de formación específica de posgrao en habilidades sociolaborais para persoas con discapacidade cognitiva.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC