A Coruña, 29 de xaneiro de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, entregará o X Premio UDC Deportes ao adestrador do Club Voleibol San Sadurniño, Juan Carlos Suárez Castelo, que foi elixido por unanimidade polo xurado deste premio que preside a vicerreitora de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria, Margarita Amor.
O xurado, formado tamén polo director de Deportes da UDC, Juan Fernández; os xornalistas deportivos Paulo Alonso, de La Voz de Galicia; Juan Quijano, de Diario de Ferrol; e Javier Torres, de Radio Galega, xunto co coordinador de Deportes da UDC, Manuel Moya, e a xefa de Comunicación da UDC, María Ares, recoñecen con este premio o labor de Suárez Castelo “na tecnificación deportiva en alto rendemento de voleibol”, valorando na decisión a súa traxectoria profesional e os éxitos acadados como adestrador de voleibol.
Juan Carlos Suárez (Charly) formouse na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC, licenciándose no ano 2005. Ademais de diversos méritos académicos como doutorando e dous mestrados en alto rendemento deportivo, desenvolveu a súa faceta investigadora na Unidade de Investigación e Análise en Deportes de Equipo.
Foi adestrador e preparador físico de varios equipos galegos desde o ano 2004, resaltando os éxitos acadados nos equipos de superliga feminina do Voleibol Ribeira Sacra e máis recentemente no Voleibol Dumbría masculino.
Na temporada 2017-18 fichou polo Club Voleibol San Sadurniño levando ao equipo a proclamarse campión da categoría e conseguindo o ascenso á superliga nacional. Fito histórico para un club de longa traxectoria e arraigo deste deporte nunha localidade de menos de 3.000 habitantes, e poñendo a este Club como único representante galego na máxima categoría do voleibol español.
Ademais, compatibiliza cargos como director Técnico da Federación Galega de Voleibol e seleccionador infantil feminino dende 2015, e adestrador asistente da Selección Española Sub 20 masculina en varios torneos europeos.
Juan Carlos Suárez “é un exemplo da profesionalidade para os técnicos deportivos licenciados en ciencias da actividade física e deportes, e da transferencia de coñecemento entre a Universidade e o deporte de alto rendemento”, segundo consta na acta da reunión do xurado.
O premio entregarase nun acto que terá lugar o 14 de febreiro no salón de actos do Campus de Ferrol ”Concepción Arenal”, nun evento en que se recoñecerá tamén o labor dos deportistas universitarios máis destacados o pasado curso.
Juan Carlos Suárez únese a unha longa lista de premiados que distingue ao alumnado, profesorado ou institucións da UDC cunha brillante traxectoria deportiva:
2009.- Antonio Ripoll Alberti, adestrador de vela
2010.- Equipo feminino Rugby UDC
2011.- Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física
2012.- Támara Echegoyen e Sofía Toro (vela)
2013.- Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT)
2014.- Carlos David Prieto López, adestrador de Javier Gómez Noya, triatlón
2015.- Jesús Manuel Graña Gómez, director da empresa Jim Sports Technology SL
2016.- Carlos Lalín Novoa, readaptador físico-deportivo no Manchester United.
2017.- Alberto Seoane Alcaraz, tenis de mesa
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC