Unha língua non pode perpetuar-se se non se exercita, unha língua non pode realizar-se se non se proxecta sobre un mundo real. Hoxe todos, ao parecer, concordamos nisto, mesmo aqueles que, non hai moito ainda, semellaban transixir co galego só como língua literária, cando non só como língua lírica. Teríamos asi –nese suposto restritivo– unha língua ritual, reservada, confinada, refreada, conxelada, e, polo tanto, esmorecida, reprimida, asfixiada, acadarmada. E consecuentemente, unha língua ferida de morte. Unha língua morta, un latin para especialistas, pronto inintelixíbel para o comun dos galegos. Se queremos de verdade que o galego viva, temos que facé-lo viver todas as vivéncias da sociedade actual. Non só as vivéncias estéticas, conforme a unha doble tradición, a tradición da nosa literatura moderna, encetada polos ilustrados e prerrománticos do século XVIII, e a tradición medieval, totalmente, ou cuase totalmente ignorada polos dezaoitistas, senón tamén as vivéncias do uso coloquial, do uso comercial, do uso notarial, do uso administrativo, do uso relixioso e do uso político. A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos.
Ricardo Carvalho Calero, Umha voz na Galiza (publicado orixinalmente en La Voz de Galicia no ano 1981)