O Máster en Rehabilitación Arquitectónica organiza un ciclo de conferencias sobre restauración con profesionais recoñecidos internacionalmente

Nota de prensa
20/04/21 13:53
  • Institucional

A Coruña, 20 de abril de 2021.- O Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica (MURA) da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña organiza o ciclo de conferencias “arquitecturas+rehabilitación. 01 acción” en formato telemático, que abrirán este xoves, 22 de abril, o equipo SOL89, María González e Juanjo López de la Cruz.

O MURA pretende con este ciclo reivindicar as accións rehabilitadoras intensas e comprometidas co patrimonio construído. Proponse facelo a través da mirada de cinco equipos que, desde unha visión holística da arquitectura, amosarán casos recentes, relevantes e exemplificadores que axuden a abrir os ollos ante as oportunidades que o futuro inmediato presenta no ámbito da rehabilitación arquitectónica nas súas diversas escalas.

Os relatores son profesionais e docentes recoñecidos e premiados ao máis alto nivel nacional e internacional. Entre outros: EU Mies Award, BIAU, Bienal de Arquitectura de Venecia, Philippe Rotthier, 40under40, Ascer, ENOR, FAD ou Arquitectura de Galicia.

Os primeiros en participar serán María González e Juanjo López de la Cruz, do equipo SOL89, este xoves, 22 de abril, ás 12:00 en acceso libre a todos os interesados a través de https://www.udc.es/MURA

María González e Juanjo López de la Cruz son arquitectos pola ETSA de Sevilla en 2000. En 2001, fundan Sol89, un estudio desde onde intentan conciliar investigación, docencia e profesión. A súa obra foi premiada en diversas ocasións polos Colexios de Arquitectos de Sevilla e Huelva e obtiveron o Premio Ascer, o Premio Enor de Arquitectura Joven, o Grand Prix Européen Philippe Rotthier, o Premio Wiener Berger, o Premio 40under40 do Chicago Athenaeum e o Premio FAD da Opinión. Nominados ao premio Mies van der Rohe, formaron parte do Pavillón de España da Bienal de Venecia galardoado co León de Ouro en 2016. Son profesores da ETSA de Sevilla desde 2005 e codirixiron os encontros “Acciones Comunes de arte y arquitectura” para a Universidad Internacional Menéndez Pelayo. Escribiron os libros Proyectos Encontrados (Recolectores Urbanos, 2012) e El dibujo del mundo (Lampreave, 2014). Recentemente teñen gañado, xunto a Woodrocks Architects, os concursos internacionais para construír o Centro do Benestar en Paju, a Marina do Porto de Busán e a Biblioteca Metropolitana de Jinju, en Corea do Sur.

O ciclo de conferencias continuará o 29 de abril con OAU, Juan Caridad e Isidro López; o 6 de maio, con Arturo Franco; o 13 de maio, con Carlos Pita; e rematarán o 20 de maio, con Carles Enrich. Todas as intervencións serán ás 12:00 horas e poderán seguirse no enlace da web do Máster: https://www.udc.es/MURA.  

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC