O Grupo Integrado de Enxeñaría da Universidade da Coruña, á vangarda de proxectos internacionais que impulsan a eólica mariña

Nota de prensa

28/01/25 12:47

  • Institucional
  • O grupo da UDC, integrado nos centros de investigación CITENI e CITIC, participa actualmente en tres proxectos internacionais cun orzamento superior aos 7 millóns de euros. 
  • Trátase de dúas iniciativas de innovación docente (AOWINDE e FLORES) e unha de investigación (SHOREWINNER), desenvoltos por persoal da UDC xunto con outras entidades socias a nivel europeo.

 

A Coruña, 28 de xaneiro de 2024.- 25 anos de experiencia e un equipo de 43 profesionais avalan ao Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña, fundado no Campus Industrial de Ferrol e integrado en dous centros de investigación, o CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións).

Este grupo, coordinado polo catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información Richard Duro, está a desenvolver na actualizade diversos proxectos internacionais entre os que se atopan tres deles que impulsan a enerxía eólica mariña sostible, clave para o desenvolvemento dun futuro máis verde e competitivo.

Trátase dos proxectos AOWINDE, FLORES e SHOREWINNER, os cales contan cun orzamento total de máis de 7 millóns de euros.

AOWINDE é un proxecto transfronteirizo que se desenvolve entre España e o Norte de Portugal, enmarcado no programa POCTEP Interreg. Este proxecto ten como obxectivo fomentar unha industria eólica mariña sostible, en liña co Plan Industrial do Pacto Verde Europeo e faino colaborando con universidades, centros tecnolóxicos e administracións públicas. Conta cun orzamento total de 1.414.080 € e un prazo de execución que se estende desde 2023 ata 2025.

Por outra banda, o proxecto FLORES consiste nunha iniciativa de innovación docente que busca impulsar o Pacto polas Capacidades no sector das enerxías renovables mariñas, promovendo a formación continua en Europa. Desenvolve accións piloto rexionais coa industria e entidades educativas nas concas do Báltico, Mediterráneo e Atlántico. A través do programa Erasmus+, FLORES tamén analiza as necesidades de capacitación da industria, apostando pola educación como motor de innovación. Este proxecto, que conta cun orzamento de 877.668 €, tamén se executará entre 2023 e 2025, e está coordinado polo CETMAR co apoio de investigadores do GII.

Finalmente, o proxecto SHOREWINNER, tamén enmarcado no programa Erasmus+, ten como obxectivo crear unha Comunidade de Prácticas (CoP) para a enerxía eólica mariña no sur de Europa. Este proxecto, que contará cun orzamento total de 4.975.531 € e un prazo de execución de 2024 a 2028, busca establecer unha plataforma de aprendizaxe en liña que promova a formación e educación profesional de excelencia no sector.

 

Outros proxectos do GII

Ademais destes proxectos, o GII está a finalizar outras iniciativas de investigación no ámbito da eólica mariña, como MORSA, centrado en vehículos autónomos submarinos, e EAGLE, que se ocupa da dixitalización de plataformas de despegamento e aterraxe de drons, ambos dirixidos ao mantemento de estruturas e parques eólicos, así como proxectos centrados na robótica intelixente, tales como o PILLAR-Robots ou o USV-Brain.

 A actividade do grupo desenvólvese en diversas áreas: Enxeñaría Naval e Oceánica, Dinámica de Fluídos, Enxeñaría de Organización Industrial e Transporte, e Sistemas Autónomos: Intelixencia Computacional, Robótica e Cognición.

Actualmente, participa en 10 proxectos internacionais e 4 nacionais e/ou rexionais, reafirmando o compromiso da UDC coa investigación, o desenvolvemento e a colaboración público-privada, para liderar o cambio cara a un mundo máis sostible.

 

Foto 1: o Grupo Integrado de Enxeñaría na celebración do seu 25 aniversario

 

Máis información: https://www.gii.udc.es/

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC