O Consello de Goberno da UDC aproba as medidas extraordinarias para a finalización do curso académico ante a situación provocada pola COVID-19

Nota de prensa

22/04/20 19:50

  • Covid-19 Institucional

A Coruña, 22 de abril de 2020.- O Consello de Goberno da Universidade da Coruña, celebrado de forma telemática, aprobou hoxe as “Medidas para a finalización do curso académico 2019-2020 e para asegurar a calidade docente ante a situación excepcional provocada pola COVID-19”, elaboradas despois de consultas con estudantes e decanos e directores de centros.

A UDC, ante a incerteza de non saber cando se poderá retornar ás aulas, tomou a decisión de rematar o curso de forma non presencial. No documento aprobado esta mañá expóñense diversas opcións posibles para afrontar esta situación excepcional. “O obxectivo fundamental é que se resolvan do mellor xeito posible a docencia e avaliación das materias no marco deste novo escenario virtual forzoso. Non podemos obviar que estamos nunha situación de emerxencia sanitaria, onde o escenario que os estudantes teñen nos seus fogares con toda probabilidade non é o máis idóneo para o estudo. Así mesmo, tampouco podemos esquecer, dunha banda, a dificultade que ten para o profesorado facer unha reformulación da metodoloxía docente e, doutra, os problemas de conectividade ou de dispoñibilidade de recursos informáticos que poida ter o alumnado”, recoñece o documento.

 

Profesorado

As “Medidas para a finalización do curso” estrutúrase en varios apartados. Así dentro das indicacións referentes ao profesorado especifícanse instrucións de reprogramación da actividade docente, a obrigatoriedade de impartir docencia e a avaliación do alumnado de forma non presencial. Ademais toda a documentación empregada para desenvolver os contidos da materia debe ser facilitada ao alumnado en formatos dixitais accesibles, garantindo a igualdade de oportunidades para todo o alumnado. Deberase simplificar cada materia, facendo unha selección dos contidos fundamentais de cara a garantir a adquisición das competencias e resultados de aprendizaxe esenciais. Para facilitar o acceso ás clases daquel alumnado que teña problemas de conectividade, débense gravar as sesións e poñelas a disposición do alumnado o antes posible.

Manter os horarios de clase e as horas de titorías, así como abrir canles de comunicación directa co alumnado con regularidade son outras das medidas que recolle o documento en referencia á docencia.

 

Centros e departamentos 

Os centros e departamentos deben potenciar os mecanismos de coordinación para asegurar a reprogramación harmónica das materias e comprobar que non se está a producir unha sobrecarga de traballo para o alumnado. Así mesmo deben potenciar o contacto co alumnado.

 

Avaliación

O calendario de avaliación será, para a primeira oportunidade do segundo cuadrimestre, entre o 18 de maio e o 19 de xuño. A segunda oportunidade do primeiro e do segundo cuadrimestre será do 29 de xuño até o 24 de xullo.

Cada centro fixará as datas de celebración das probas finais non presenciais de cada oportunidade deste segundo cuadrimestre antes do 5 de maio, e da 2º oportunidade do 1º e 2º cuadrimestre, antes do 15 de maio.

Os centros poden programar a defensa do Traballo de Fin de Grao e Traballo de Fin de Máster ao longo de todo o período académico, e ademais una defensa na segunda quincena de setembro, podendo solicitarse a ampliación dese prazo. No que respecta á defensa das teses de doutoramento farase exclusivamente por vía telemática.

Como norma xeral, débese realizar unha avaliación continua das materias de modo virtual. Non poderán ser obxecto de avaliación os contidos que non teñan sido impartidos en modalidade presencial ou non presencial, e/ou que precisen de materiais, recursos ou bibliografía que non estean accesibles para todo o alumnado.  

En todos os casos, deben preverse mecanismos non presenciais de revisión da avaliación. Para que esta situación excepcional non vaia en detrimento do expediente do alumnado, unha vez superada unha materia, esta recibirá unha cualificación que como mínimo será a correspondente á nota media do expediente do alumno/a. No caso de que a cualificación obtida na materia fose superior a esa nota media, no expediente reflectirase a cualificación obtida.

No caso de que a parte práctica da materia xa concluíse, poderá e deberá ser avaliado. As sesións prácticas non realizadas, que non poidan ser substituídas polas actividades, non se terán en conta na avaliación.

 

Prácticas externas curriculares e extracurriculares 

Danse varias opcións: continuar co desenvolvemento das prácticas de maneira non presencial dentro das datas previstas, manter as prácticas na modalidade presencial, sempre que se garanta que se respectan os parámetros esixidos polas autoridades sanitarias, ou substituír as prácticas por outras actividades.

 

Alumnos en mobilidade

Aqueles estudantes da UDC que estivesen nun programa de mobilidade e que pola incidencia epidemiolóxica da COVID-19 soliciten reincorporarse á actividade académica na UDC, terán xustificada a súa ausencia até o momento da reincorporación e facilitaráselles a realización das actividades de avaliación continua, que lles permita optar ao 100% da cualificación. A aqueles estudantes doutras universidades en mobilidade na UDC que regresen aos seus países de orixe por mor da crise pero que non cancelaran a súa mobilidade a nivel académico, facilitaránselles no posible probas de avaliación non presenciais.

Finalmente, o documento recolle unha “Guía de recomendacións para a docencia e avaliación non presencial” con suxestións de diversas metodoloxías recomendadas. Así mesmo contempla medidas para efectuar as probas de avaliación con seguridade e solucións a tomar en caso de problemas de conectividade do alumnado.

 

Novos graos

Na sesión do Consello de Goberno de hoxe aprobouse así mesmo o límite de prazas nos graos e másteres para o próximo curso e a proposta de graos abertos.

A Universidade da Coruña implantará o próximo curso un novo título, o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía, que se suma ás novidades que se puxeron en marcha este curso, o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e o Grao en Xestión Dixital da Información e Documentación. Outra das novidades do próximo curso é a implantación de dous graos abertos, o Grao Aberto en Enxeñaría Industrial, na rama de Enxeñaría e Arquitectura, e o Grao Aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas, na rama de Ciencias Sociais e Xurídicas. A opción dos graos abertos posibilita que un estudante comece os seus estudos universitarios cursando un programa xeral para despois elixir un dos graos entre os que participan no programa.

A oferta académica da UDC é diferenciada, co primeiro grao bilingüe de Galicia, o Grao en Xestión Industrial da Moda; o primeiro grao dual galego, o Grao en Enxeñaría Eléctrica; e o interuniversitario Grao en Paisaxe. Ademais ofrece varios dobres graos, clases en inglés en varios dos seus títulos e a posibilidade de obter un dobre grao cunha universidade estranxeira de referencia.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC