O Claustro da Universidade da Coruña aproba por unanimidade a Memoria de xestión do ano 2021 do Reitor, Julio Abalde

Nota de prensa

8/04/22 14:06

  • Institucional

A Coruña, 8 de abril de 2022.- O Claustro da Universidade da Coruña, reunido esta mañá, aprobou por unanimidade a xestión do reitor, Julio Abalde, correspondente ao ano 2021. Nesta sesión que se celebrou por primeira vez en formato híbrido (presencial e en liña), o reitor fixo un resumo das accións realizadas o ano pasado polo equipo de goberno que preside.

Abalde comezou explicando que o ano pasado se plantexaron como obxectivo manter a calidade da formación e impedir que a pandemia provocase unha xeración estigmatizada pola covid-19. “Este foi o obxectivo logrado en 2021 e do que todos, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, podemos sentirnos razoablemente satisfeitos”, recoñeceu. A Universidade tivo que adaptar unha serie de medidas urxentes que aceleraron os procesos de dixitalización en todos os ámbitos, co financiamento da Xunta de preto de tres millóns de euros para implantar melloras na contorna dixital para a docencia e a dixitalización da xestión académica. A colaboración entre institucións deu outros froitos que destacou o reitor como a sinatura do acordo para o mapa de titulacións universitarias ata 2026, dentro do que se inclúe a implantación do Grao en Intelixencia Artificial nos tres campus a partir do vindeiro ano académico. Os dous primeiros cursos serán comúns e os outros dous permitirán a especialización, unha materia na que a Universidade da Coruña mantén unha posición de liderado tanto en docencia como en investigación.

En xuño, o Consello Galego de Universidades aprobou a creación da Facultade de Turismo e da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, que integra ás escolas Politécnica Superior e Universitaria Politécnica. “Sen dúbida, a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol impulsa notablemente o Campus Industrial”, apuntou Abalde. O Campus Industrial conta cun plan estratéxico para o período 2021-2026, cun financiamento da Xunta de Galicia de 1,8 millóns de euros para impulsar accións como campus de especialización acreditado, o único, do Sistema Universitario de Galicia.

Por outra banda, a biblioteca da antiga Fábrica de Armas da Coruña acolleu o acto de sinatura do convenio para elaborar o plan director para a cogobernanza da Cidade das TIC. Este acto, considerado polo reitor como un “fito salientable no proceso de configuración do polo tecnolóxico e de innovación dixital”, contou coa asistencia do conselleiro de Economía, o delegado do Goberno, a alcaldesa da Coruña, o presidente da Deputación e o presidente do Clúster TIC. A Cidade das TIC é un proxecto en marcha, no que se pretende a integración e cooperación das empresas coa UDC no avance da investigación e innovación no campo das tecnoloxías da información e comunicación, polo que está incluída na Estratexia Dixital de Galicia 2023.

A UDC ofertou o ano pasado 40 graos, sete programas de simultaneidade (dobres graos) e dous graos abertos; 58 másteres, catro deles son másteres de excelencia (dos seis que se outorgaron en Galicia), e o moi exitoso máster Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo; e 36 programas de doutoramento. O reitor destacou o nivel de internacionalización dos estudos de doutoramento, pois o 40% das teses recibiron mención internacional grazas ao programa de axudas á mobilidade financiado por Inditex.

Na X Convocatoria do Programa Docentia avaliáronse 150 docentes cunha valoración final destacada, o 40% foi cualificado de excelente e o 55% de notable.

No ano 2021, rematou a segunda fase da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia cunha avaliación moi positiva por parte da Axencia Galega de Innovación, o que permite presentarse a unha terceira edición de unidades mixtas, xa como centro mixto de investigación.

A captación de recursos externos de investigación ascendeu a 17,6 millóns de euros, outro fito histórico para a Universidade da Coruña, salientou o reitor, cun considerable incremento con respecto aos 11 millóns de euros do ano anterior. Conseguíronse 62 proxectos de investigación, dos que 15 son europeos, máximo histórico para a UDC tamén. En captación de investigadores de alto nivel, a UDC captou o ano pasado tres Ramón y Cajal, que son investigadores prestixiosos que poden ir a calquera universidade e elixiron vir á UDC. O reitor resaltou un programa europeo, Cofund, conseguido polo CITIC. É a primeira axuda concedida a unha institución galega nesta competitiva convocatoria, que permitirá captar oito investigadores predoutorais.

O reitor salientou que, un ano máis, a Universidade da Coruña presentou unhas contas saneadas, cun orzamento que se incrementou un 4,37%, cun importe total de 136,99 millóns de euros.

Na área de profesorado houbo o ano pasado destacadas novidades nas políticas de acceso e promoción. Dunha parte, o profesorado axudante doutor xa pode optar á súa funcionarización ou á súa estabilización antes da finalización do seu contrato. Da outra, o profesorado interino de substitución que cubre docencia estrutural tivo tamén máis posibilidades de estabilización ao crearse un maior número de prazas de axudante doutor.

En xullo do ano pasado, asinouse o Acordo de teletraballo para o persoal de administración e servizos, e en novembro publicouse no DOG a nova relación de postos de traballo deste persoal, que quere dar resposta ás novas esixencias da xestión na que é fundamental a coordinación de procesos, o traballo en equipo e a flexibilización funcional. Finalmente, en decembro convocouse o concurso de traslados do persoal de administración e servizos.

No que atinxe á internacionalización, o comezo do curso 2021-2022 marca o inicio da recuperación cara a cifras anteriores á pandemia, recuperando os datos de alumnado estranxeiro que supón o 5% do total da matrícula en 2021. Por país de orixe, destacan en número China, Venezuela, Perú, Ecuador, Colombia, Portugal e Marrocos. Os centros que recibiron máis alumnado internacional foron a Facultade de Economía e Empresa (99), a Facultade de Ciencias (83), a Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e a Facultade de Dereito (78). Ademais, aumentou o profesorado con docencia en inglés, cun incremento do 27% con respecto ao curso previo; medra tamén o número de créditos impartidos en inglés, que supera nun 20% aos impartidos o curso anterior.

En 2021 rematáronse as obras iniciadas en seis centros como primeiro paso para a mellora da eficiencia enerxética dos edificios Normal, Pavillón de Deportes de Elviña, Escola Técnica Superior de Arquitectura, Escola Politécnica Superior, Facultade de Humanidades e Documentación e Reitoría. Dentro da temática medioambiental, a UDC está entre o 5% das mellores universidades do mundo, sendo a cuarta universidade de España no Ránking Green Metric e a 49ª do mundo.

O ano pasado, a Universidade da Coruña mantivo a súa aposta polo estudantado con axudas e premios por un importe de 2,5 millóns de euros. Ademais disto, abriuse, por segunda vez, unha liña de axudas dirixidas a alumnado con problemas de conectividade e puxéronse a disposición do estudantado 42 portátiles, 110 cámaras web e 90 tarxetas SIM para datos de tres meses de duración. Organizáronse unhas Xornadas de Portas Abertas en formato virtual por segundo ano, cunha elevada aceptación, rexistrando preto de 8.000 visualizacións. A principios deste curso, fixéronse unhas xornadas presenciais de benvida ao alumando, no Estadio Universitario de Elviña e na praza de Humanidades, en Ferrol, cunha participación cercana aos 2.000 estudantes.

Na área de Igualdade puxéronse en marcha novas iniciativas como as “pílulas de igualdade”, pequenos cursos en distintas titulacións, cunha participación de preto de 300 estudantes. En Cultura, ademais de proseguir coa programación e actividades habituais, púxose en marcha a primeira edición do Programa de Residencias Artísticas coa Fundación María José Jove.

Finalmente, entre moitas outras accións que comentou o reitor na presentación do seu informe, resumo do que se recolle na Memoria de xestión de 2021, Abalde salientou o nacemento da Asociación de Antigos Alumnos e Alumnas, Alumni UDC, á que deu a benvida como unha xanela máis de relación coa sociedade a través de profesionais formados nos campus da UDC.

 

Memoria da Valedora Universitaria

Ademais da presentación da Memoria de xestión do reitor, a Valedora Universitaria informou en Claustro das súas actividades do curso 2020-2021. Neste período presentáronse 103 consultas, a maioría (79%) corresponde ao estudantado, seguidas do profesorado (13%) e do persoal de administración e servizos (1%). O alumnado consulta sobre todo aspectos de exames e criterios de avaliación; a maioría das consultas do profesorado teñen que ver coa organización e actividade docente e as consultas do persoal de administración e servizos refírense a asuntos laborais.

A Valedora rexistrou 69 queixas, sendo a gran parte do alumnado (61%), seguido do profesorado (16%) e do persoal de administración e servizos (9%). O estudantado quéixase sobre temas de acceso, taxas e xestión académica; a maioría das queixas do profesorado teñen que ver coa organización e actividade docente e as queixas do persoal de administración e servizos son relativas a asuntos laborais.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC