A Coruña 18 de decembro de 2025.- O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
O encontro ten lugar na sede de NORMAL e no Conservatorio Superior de Música da Coruña, e articúlase como un espazo de intercambio orientado a fortalecer o ecosistema cultural galego e ampliar as súas conexións con artistas de dentro e fóra do territorio. Cada edición concíbese como un lugar de encontro e construción de redes, onde artistas, comisarios e institucións atópanse para compartir procesos de traballo e visibilizar prácticas diversas que abren novas posibilidades de colaboración.
Dentro–Fora funciona tamén como unha plataforma para a presentación de intervencións artísticas e procesos en curso, promovendo unha reflexión sobre a creación contemporánea e a súa relación cos contextos nos que se desenvolve. O encontro fomenta iniciativas culturais e investigacións artísticas vinculadas á comunidade.
Nesta terceira edición preséntanse os proxectos desenvolvidos ao longo de 2024 polos artistas Fermín Jiménez Landa e Branca Gracia (xunto a Faia Díaz), así como os procesos de investigación en curso das persoas actualmente residentes: Ibon Aranberri e Raphael Escobar.
Ademais das presentacións individuais, o programa inclúe unha charla-debate a cargo de Ángel Calvo Ulloa (comisario e escritor) e Marta Mestre (comisaria, Museu de Arte Contemporânea/Centro Cultural de Belém (MAC/CCB) en Lisboa), e integrantes do comité de selección do programa, xunto a Susana González, directora Centro de Arte FMJJ. A conversación propón un formato aberto para contrastar perspectivas e ampliar o marco operativo da creación artística en Galicia.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC