O Campus de Ferrol presenta o proxecto de agrupación estratéxica de investigación i3

Nota de prensa
10/07/18 13:34
  • Institucional

Ferrol, 10 de xullo de 2018.- O Campus Industrial de Ferrol organizou esta mañá a xornada de innovación “Aposta pola Industria Intelixente de Ferrolterra” con asistencia tanto do contorno universitario como empresarial e industrial da comarca, e no marco da cal se presentou o proxecto da Universidade da Coruña de creación da agrupación estratéxica de investigación i3.

O reitor da UDC, Julio Abalde, explicou no acto inaugural da xornada que cando se plantexou a especialización do Campus de Ferrol como Campus Industrial xa se prevía como un dos pasos a desenvolver na estratexia de Campus, logo de reformular a oferta académica, a estruturación da investigación de Ferrol nunha agrupación que permita crear unha organización máis competitiva, multidisciplinar e cunha maior transferencia de coñecemento de cara ás empresas e á industria da área de Ferrol. “Foi unha proposta da institución moi ben acollida no campus e agradezo a colaboración de todo o profesorado que traballou arreo no proxecto que agora se ve culminado”, declarou Abalde. Anne Gosset, coordinadora desta agrupación, concretou a proposta que integra a investigadores do Campus de Ferrol de sete grupos de traballo. A investigación desta agrupación, denominada i3, está orientada aos sectores estratéxicos de Galicia do naval, enerxía e téxtil, e o seu obxectivo é a creación do Centro de Investigación de Excelencia no marco da Industria Intelixente e a Fabricación Avanzada, que se chamará Ci3. A proposta será presentada ante a Xunta de Galicia, que decidirá a súa aprobación, e no caso de que a conceda será a primeira estrutura investigadora de Galicia orientada exclusivamente á industria intelixente.

No acto de inauguración, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, declarou que “desde a Xunta de Galicia sempre se apostou porque as universidades sexan líderes en investigación en Galicia”. “As universidades galegas son o puntal para a I+D+i galega que precisa seguir medrando”, continuou, felicitando á UDC pola organización desta xornada “que toca temas fundamentais para o futuro das universidades”. Díez de Castro asegurou que “as universidades estanse a transformar sen facer moito ruído”. “Hai unha revolución silenciosa nas universidades”, insistiu.

Na apertura da xornada participou tamén a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen tamén felicitou á UDC non só pola organización desta xornada senón “pola visión e orientación deste campus cara ao contorno industrial no que nos atopamos”. “A especialización dos campus é unha necesidades e neste caso, a UDC está sabendo dar resposta ao contorno da comarca de Ferrol e da industria intelixente que desde a Axencia tamén estamos tratando de impulsar”, dixo, e lembrou varios casos de colaboración entre o CIS Galicia e a UDC, como un programa de deseño no que participa a Escola Universitaria de Deseño Industrial, ou a creación da primeira Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia para desenvolver o estaleiro 4.0.

A xornada continuou toda a mañá con diversas intervencións en que participaron representantes de diversas asociacións empresariais e industriais da comarca, nunha sesión que contou coa asistencia de medio centenar de persoas.

Publicado por: Gabinete de comunicación da UDC