O Campus de Ferrol organiza unha xornada de portas abertas coa enxeñaría

Nota de prensa
18/06/18 14:22
  • Institucional

Ferrol, 18 de xuño de 2018.- A Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica organizan, en colaboración co Campus Industrial da Universidade da Coruña, unha xornada de portas abertas coa enxeñaría como protagonista. A cita será este mércores, 20 de xuño, ás 09:30 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Esteiro. Entre as actividades programadas para este día destacan as visitas aos laboratorios das dúas escolas e ao Museo da Construción Naval.

A Escola Politécnica Superior oferta os graos en Enxeñaría Mecánica, Tecnoloxías Industriais e en Enxeñaría Naval e Oceánica. Para que os futuros alumnos poidan coñecer máis polo miúdo estas titulacións está previsto que se visiten os laboratorios de Química, Construcións Industriais, Mecánica, Robótica, e de Fabricación Artificial. A Canle de Ensaios Hidrodinámicos, emprazada do Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT), completará esta visita.

A subdirectora de Calidade e Promoción da EPS, Sonia Bouza, explicou que a evolución que se está a producir na industria trae consigo un aumento significativo da demanda de enxeñeiros e enxeñeiras. Nesta liña, destacou que a taxa de inserción laboral do alumnado da Escola ronda o 100%. “Algúns enxeñeiros crean cousas que só se poden ver a través dun microscopio. Outros constrúen automóbiles, barcos, avións, xeradores eólicos ou mesmo turbinas. Á fin, os enxeñeiros teñen a capacidade de converter o produto da nosa imaxinación en innovación para o mundo real”, aclara. 

 

Pola súa banda, a Escola Universitaria Politécnica oferta os graos en Electrónica e Automática Industrial e en Enxeñaría Eléctrica. A visita aos laboratorios de Automatización e de Optimización e Control centrará boa parte da xornada xunto á actividade “A enxeñaría eléctrica do motor do cambio”.

A subdirectora de Infraestruturas e Relacións Externas da EUP, Isabel Fernández Ibáñez, asegurou que xornadas coma esta “son unha boa oportunidade para aclarar todas esas dúbidas que xorden á hora de elixir unha carreira universitaria e de coñecer tamén a ampla formación práctica que caracteriza a estas titulacións”. Nesta liña, salientou tamén a alta e rápida empregabilidade das enxeñarías destacando que o traballo destes profesionais é clave en campos como o medio ambiente, a eficiencia enerxética e as novas tecnoloxías.

Inscricións

As persoas interesadas en participar na xornada de portas abertas “Día da Enxeñaría” deben enviar un correo electrónico cos seus datos persoais a oficina.campusindustrial@udc.es ou chamar ao 881 013 621. Todas as actividades programadas no marco da xornada son gratuítas.    

Publicado por: Gabinete de comunicación da UDC