O Campus de Ferrol coloca e iza mañá a Bandeira Verde que acredita a súa calidade medioambiental

Nota de prensa
10/12/19 14:37
  • Institucional

 

Ferrol, 10 de decembro de 2019.-  A vicerreitora en funcións do Campus de Ferrol, Araceli Torres Miño, o representante da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC FEE), Francisco García, a coordinadora do Programa Green Campus Ferrol, Carmen Coronado Carvajal, e o director da Oficina de Medio Ambiente da UDC, Manuel Soto Castiñeira, participan mañá, mércores 11 de decembro, ás 11:30 horas, no acto de colocación e izado da Bandeira Verde no mastro da entrada principal do edificio da Vicerreitoría.

Acompañaranos representantes da Escola Politécnica Superior, da Escola Universitaria Politécnica, da Escola Universitaria de Deseño Industrial, da Facultade de Ciencias do Traballo, da Facultade de Enfermaría e Podoloxía e mais da Facultade de Humanidades e Documentación.

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC FEE) vén de concederlle ao Campus de Ferrol e á Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña cadansúa Bandeira Verde unha vez avaliado o traballo que, tanto o campus como a facultade, realizaron no marco do programa Green Campus ao longo dos cursos 2017/18 e 2018/19. Esta distinción acredita a súa calidade medioambiental.

Do mesmo xeito, a ADEAC FEE decidiu tamén renovarlle a Bandeira Verde á Facultade de Ciencias da Educación, á Facultade de Ciencias da Saúde, á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica, á Escola Técnica Superior de Arquitectura e mais á Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da UDC.

Foto: Foto do Comité Ambiental do Green Campus Ferrol e mais do representante da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC FEE), Francisco García, durante a avaliación realizada o pasado mes de xullo.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC