O Campus de Ferrol acolle durante toda a semana o VIII Congreso Nacional do Centro de Estudios de Próximo Oriente

Nota de prensa
9/12/19 14:18
  • Institucional

Ferrol, 9 de decembro de 2019.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolle, desde este martes 10 ata o venres 13 de decembro, o VIII Congreso Nacional do Centro de Estudios de Próximo Oriente Ex Oriente Ad Limina que organiza a Universidade da Coruña en colaboración co Centro de Estudios de Próximo Oriente (CEPO), o Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal e a Sociedade Luso Galega de Estudos Mesopotámicos.

A inauguración do VIII Congreso Nacional terá lugar mañá, martes 10 de decembro, ás 16:30 horas, e asistirán a vicerreitora en funcións do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, o presidente do Centro de Estudios del Próximo Oriente, Juan Antonio Álvarez-Pedrosa Núñez, e o presidente do comité organizador do congreso, o profesor Juan Luis Montero Fenollós.

Ao seu remate, terá lugar a conferencia inaugural do VIII Congreso Nacional do Centro de Estudios del Oriente Próximo Ex Oriente Ad Limina a cargo do profesor da Universidade École Practique des Hautes Études de París, Jean-Claude Margueron, titulada “Le palais d´Ugarit: une synthése des créations palatiales du Bronze Récent?”. A conferencia está aberta ao público ata completar o aforo do Salón de Actos.

 

Exposición “Arqueoloxía en Palestina”

O martes 10 de decembro, ás 20:15 horas, na Sala Anexa ao Salón de Actos Concepción Arenal, terá lugar a inauguración da exposición fotográfica “Arqueloxía en Palestina: imaxes dun proxecto internacional”. A mostra recolle unha escolma das fotografías tomadas no xacemento de Tell el-Far´a, ubicado en Palestina, a uns once quilómetros ao norte da cidade cisxordana de Nablús. A Universidade da Coruña, a Universidade de Nova Lisboa e o Ministerio de Antigüidades de Palestina iniciaron as primeiras escavacións no ano 2017. E, o pasado mes de outubro, realizaron unha terceira campaña na que os integrantes do equipo restauraron unha casa da Idade do Ferro e instalaron paneis explicativos en árabe e inglés para dar a coñecer o xacemento.

A Universidade da Coruña contou coa colaboración do estudantado do primeiro curso do Ciclo Superior en Deseño e Edición de Publicacións Impresas e Multimedia do IES Leixa de Ferrol para imprimir e colocar as fotografías que integran a exposición.

Á inauguración da mostra asistirán a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel del Pilar Santos Pita, o presidente do comité organizador do VIII Congreso Nacional, o profesor Juan Luis Montero Fenollós, o comisario da exposición, o fotógrafo José Pardo, e a directora do IES Leixa, Ana Roel Ares.

 

Máis conferencias abertas ao público

O mércores 11 de decembro, ás 09:00 horas, terá lugar outra conferencia aberta ao público da man dos profesores e investigadores da Universitat Autònoma de Barcelona, Miguel Molist e Ana Gómez Bach, titulada “Novedades en la investigación arqueológica en el norte de Mesopotamia: el proyecto de investigación de la UAB en el Valle del Tigris”. Ás 16:00 horas, será a quenda da investigadora do Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC), Barbara Böck, co relatorio “Las plantas medicinales alucinógenas en la antigua Mesopotamia”.

O xoves 12 de decembro, ás 09:00 horas, intervirá o profesor da Universidade Complutense de Madrid, Alberto Bernabé Pajares, quen afondará na figura do rival nas teogonías hititas e nas gregas. Ás 16:00 horas, terá lugar a conferencia do profesor da Universidade da Almería, José Luis López Castro, titulada “Los inicios de la presencia fenicia en el Mediterráneo occidental”.

O venres 13 de decembro, ás 09:00 horas, impartirase o último dos relatorios abertos ao público da man da profesora da Universidade de Sevilla, Myriam Seco Álvarez, centrado no templo de Millóns de Anos de Tutmosis III no oeste de Luxor.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC