O Campus Industrial de Ferrol convértese no primeiro acreditado pola Xunta en Galicia e o único en España en especializarse na industria naval

Nota de prensa

15/03/21 15:20

  • Institucional

• Celebrouse en Esteiro o acto simbólico de entrega da acreditación por parte do presidente da Xunta de Galicia ao reitor da Universidade da Coruña. • Feijóo destacou o papel fundamental que vai xogar o Campus de Ferrol como “motor da economía dunha bisbarra que non se rende”. • Abalde subliñou a “docencia de calidade, investigación punteira, innovación e colaboración” do Campus Industrial de Ferrol. • O alcalde, Ángel Mato, asegurou que no campus “temos as titulacións axeitadas” para facer fronte ao reto da diversificación económica de Ferrol.

A Coruña, 15 de marzo de 2021.- O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá no salón de actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol, o acto de entrega ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, da acreditación ao Campus Industrial de Ferrol como Campus de Especialización, converténdose así no primeiro de Galicia en posuír este recoñecemento, e o primeiro en España en especializarse en industria naval.

Feijóo comezou o seu discurso dicindo que o acto desta mañá era “simbólico, pero importante”. O acto que hoxe se celebrou no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña é un plantexamento “dun traballo feito con rigor”, recoñeceu o presidente. “O que hoxe se consegue é o resultado de varios anos de traballo para responder ao reto de futuro das universidades, de ser útiles á sociedade civil que as financia”, engadiu.

O Campus Industrial de Ferrol púxose en marcha en 2015, lembrou Feijóo, e neste tempo, entre outros resultados, a Universidade asinou máis de 103 convenios con empresas, captou tres millóns de euros en colaboración con empresas, rexistrou 56 patentes e aumentou a nova matrícula nas titulacións de Ferrol nun 40%. “Este proceso de especialización está empezando a dar os seus froitos”, dixo, destacando a avaliación do proxecto de Campus Industrial por un comité de expertos alleo á Universidade da Coruña e á Xunta de Galicia.

A acreditación recibida hoxe será definitiva dentro de tres anos. Neste período, confiou o presidente, o Campus de Ferrol será un axente de transferencia de coñecemento ao sector produtivo e industrial do contorno. “Pode ser un fito que marcará un antes e un despois na comarca de Ferrolterra”, avanzou. “O Campus Industrial de Ferrol vai xogar un papel fundamental: servir de motor da economía dunha bisbarra que non se rende”, abundou.

O reitor da Universidade da Coruña lembrou que a creación do Campus Industrial de Ferrol hai cinco anos, “supuxo un punto de inflexión crucial tanto para o futuro deste campus como para o presente e futuro do tecido económico e produtivo de Ferrol e da súa comarca”. O desenvolvemento durante esta etapa veu demostrar, dixo Abalde, que “a aposta da UDC pola especialización foi un acerto”,

O Campus Industrial de Ferrol é o primeiro dos oito acollidos ao Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario Galego que consegue culminar con éxito o proceso de acreditación, e confirma a consolidación do mesmo. “Ratifica a fortaleza das súas liñas de especialización docente e científica e a súa capacidade para xerar sinerxías coas empresas e institucións do seu contorno”, continuou.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, afirmou que hoxe “o Campus de Ferrol recibe o premio ao traballo ben feito”. Deste campus, dixo, sae o coñecemento necesario para unha comarca que ten na industria o seu motor e “necesitamos que ese saber se aproveite aquí, non podemos permitir que se marche o talento”, continuou Mato.

O alcalde declarou que “na universidade temos as titulacións axeitadas para facer fronte ao reto da diversificación económica de Ferrol”. O rexedor municipal avanzou o apoio institucional do Concello a todos os proxectos dos vindeiros anos que a Universidade da Coruña ten para Ferrol. De materializárense, manifestou, “a sinerxía co Campus de Ferrol implicará un salto para a cidade e para Galicia”.

No acto interveu de forma telemática Javier Uceda, membro da comisión de expertos que avaliou o proxecto do Campus Industrial. Uceda destacou que “o conxunto do comité de expertos avaliou de forma moi positiva a proposta porque introduce dinámicas de transformación e cambio”.

Asistiron ademais, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, a exvicerreitora, Araceli Torres, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, así como outros membros do equipo de goberno da UDC, o director do CIF, Ginés Nicolás, decanos e directores de centros e autoridades civís e militares.

 

Entrega da acreditación ao Campus Industrial de Ferrol

Discurso do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde

 

“A creación do Campus Industrial de Ferrol, hai case cinco anos, baixo o acertado impulso á especialización dos campus da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, supuxo un punto de inflexión crucial tanto para o futuro deste campus da Universidade da Coruña, como para o presente e o futuro do tecido económico e produtivo de Ferrol e da súa comarca.

Tratábase dunha aposta estratéxica da UDC. O obxectivo, moi claro: converter o campus en axente chave para o progreso e a competitividade da comarca ferrolá, non só formando profesionais e xerando coñecemento, senón tamén abrindo novos espazos de colaboración e sinerxías co tecido empresarial.

O camiño para conseguilo implicaba reestruturar a oferta docente na procura dun campus cohesionado e especializado nos ámbitos docente e científico e imbricado co seu contorno industrial, o mesmo na formación de profesionais altamente especializados que na súa proxección exterior e na colaboración estratéxica cos axentes do sector industrial.

Esa cooperación implica que desde a Universidade sexamos quen de captar talento, afondar na dinámica de internacionalización e potenciar grupos de investigación referentes nacionais e internacionais nos seus campos de coñecemento e con elevada capacidade de transferencia.

O desenvolvemento do Campus Industrial durante esta etapa –enormemente positiva e non falta das dificultades que supón o cambio– vén subliñar que a aposta da UDC e da Xunta de Galicia pola especialización foi un acerto. Que escollemos o camiño correcto ao posicionar o campus como motor esencial da dinamización do tecido produtivo social e económico de Ferrol e a súa área de influencia.

O Campus Industrial de Ferrol é o primeiro dos oito acollidos ao Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario Galego que consegue culminar con éxito o proceso de acreditación impulsado pola Consellería de Educación, Cultura e Universidades.

Transcorridos xa máis dos catro anos establecidos pola Xunta, a acreditación confirma a consolidación do Campus Industrial. Ratifica a fortaleza das súas liñas de especialización docente e científica e a súa capacidade para xerar sinerxías coas empresas e institucións do seu contorno.

Coa acreditación conseguida neste proceso, pioneiro no Estado, o Campus Industrial de Ferrol pecha unha primeira etapa de posta en marcha. Recibe agora un novo impulso, ao se certificar a solidez do proxecto e a adecuación da súa estratexia aos obxectivos formulados no plan de especialización dos campus galegos.

A oferta docente do campus ferrolán inclúe 6 centros nos que se imparten 14 graos, 9 másteres oficiais e 6 programas de doutoramento, enmarcados nos dous grandes vectores que o integran: o naval e oceánico e o industrial.

A incorporación de novos graos, como o de Xestión Industrial da Moda (único grao bilingüe do Sistema Universitario Galego), ou reformulacións como a do grao en Xestión Dixital de Información e Documentación forman parte do proceso de reestruturación docente ao que me estou a referir, coa incorporación de títulos e formulacións novidosas e únicas no SUG.

Na idea de lle facilitar o acceso e a orientación ao noso estudantado ao mundo laboral, na Escola Universitaria Politécnica se imparte o primeiro grao con formación dual ofertado en Galicia (en Enxeñaría Eléctrica).

E, por outro lado, a colaboración académica dese mesmo centro coa Escola Politécnica Superior permitiu implantar xa este ano un grao aberto en Enxeñaría Industrial, un curso con materias comúns que lle permite a alumnas e alumnos coñecer a fondo as distintas titulacións antes de se decidir finalmente por unha delas.

De igual xeito, potenciamos a oferta de másteres con perfís especializados, innovadores e adaptados a este contorno industrial en campos como o do Deseño, os Videoxogos, Eficiencia Enerxética ou Informática Industrial e Robótica. Nesta liña, o vindeiro curso arrancará o Máster Universitario Conxunto Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo, un máster internacional que permitirá obter unha titulación conxunta da UDC e da Universidade de Nápoles.

---

Precisamente estes dous centros aos que acabo de me referir, a Escola Politécnica Superior e a Escola Universitaria Politécnica, pasarán a se converter, unha vez autorizados pola Xunta de Galicia, na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, con sede física única, aquí mesmo no campus de Esteiro. Completarase así unha antiga demanda do campus, nun proceso do que só tiraremos vantaxes en eficiencia docente e científica, accesibilidade e racionalización dos recursos humanos e materiais.

A nova Escola Politécnica de Enxeñaría recollerá a experiencia das dúas escolas actuais e achegará coherencia académica e mellorará a captación de alumnado. Ademais, estimulará as sinerxías entre grupos de investigación e entre estes e os sectores industriais vinculados.

O proceso de integración, un dos eixes do Plan estratéxico do Campus Industrial 2021-2023, faise posible grazas á cesión por parte do Ministerio de Defensa do edificio de Batallóns e a adquisición dunha parcela fronte ás facultades de Ciencias do Traballo e de Enfermaría e Podoloxía, onde se construirá un novo edificio para ubicar infraestruturas de investigación e transferencia en Industria Intelixente. 

Con estes proxectos, xunto coas reformas e reorganización de espazos nos distintos edificios de este campus de Esteiro poderemos integrar o próximo curso o alumnado, o profesorado e o persoal de administración e servizos procedentes de Serantes.

---

Sen dúbida, a creación da Escola Politécnica de Enxeñaría reforzará o perfil do Campus Industrial como polo de referencia en I+D+i, cunha particular incidencia no eido da industria intelixente e na fabricación avanzada en sectores estratéxicos galegos como o naval, o enerxético e o téxtil.

No Campus Industrial desenvolven a súa actividade once grupos de investigación, con dous laboratorios de servizos específicos, unha unidade mixta de investigación e un centro de investigación, o CIT. Traballan en cinco grandes ámbitos:

  • Fabricación aditiva e materiais intelixentes
  • Loxística e optimización de procesos industriais
  • Robótica aplicada á industria
  • Deseño e desenvolvemento do produto e
  • Xestión industrial

Seis destes grupos integran a Agrupación para a Investigación Intelixente (CI3), que fai investigación de excelencia en proxectos de tecnoloxía de vangarda encadrada na industria 4.0, a industria integralmente dixitalizada.

Esta agrupación, o mesmo que a Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia, son froitos colleitados nesta etapa inicial de catro anos desde que se puxo en marcha o primeiro plan estratéxico do campus especializado.

A Unidade Mixta sumou talento e talentos no proxecto “Estaleiro 4.0: o estaleiro do futuro”, un proxecto destinado a desenvolver novas tecnoloxías e mellorar os procesos produtivos que vén funcionando moi satisfactoriamente nas súas distintas liñas de investigación e de actuación.

As unidades mixtas son un bo modelo de colaboración, idóneo para valorizar a ciencia que se realiza no campus a través da súa transferencia ao contorno produtivo. Neste caso ao sector naval, e non só ao militar.

En definitiva, docencia de calidade, investigación punteira, innovación e colaboración estreita retratan un Campus Industrial eficiente, fundamental para facer máis dinámica a economía da comarca e de Galicia.

Desde a nosa responsabilidade como universidade pública, esta é a mellor resposta que podemos e debemos dar non só para modernizar o propio campus, senón tamén para operar como verdadeiro axente tractor de crecemento e progreso. Algo que resulta particularmente urxente para a poboación da área metropolitana que, con razón, vén mostrando a súa preocupación polo futuro industrial da comarca, como vimos de novo hai cinco días.

Non me queda máis que reiterar o compromiso da Universidade da Coruña para seguir sumando forzas –agora como campus de especialización acreditado– e proxectar o Campus Industrial de Ferrol como punto de referencia académica e na I+D+i, no contexto dunha economía globalizada e baseada no coñecemento, máis necesario que nunca na situación creada pola pandemia da COVID que estamos a sufrir.

Para iso será necesario, por suposto, seguirmos contando coa colaboración institucional de Xunta, do Concello de Ferrol e do resto das administracións (que tan bos resultados deu ata agora e que de novo quero agradecer publicamente) así como das empresas e de toda a comunidade universitaria.

O próximo mes de xullo cumpriranse cinco anos en que, neste mesmo escenario, presentabamos o proxecto do Campus de Ferrol, co compromiso de que o plan estratéxico non fose só un documento. Hoxe, avaliados e acreditados e tras un ano de pandemia, creo que cumprimos as expectativas. Sentímonos reforzados para enfrontarnos a unha nova fase cun novo plan estratéxico que nos permitirá avanzar –con estabilidade orzamentaria- na mellora da situación deste campus. Pero este percorrido foi posible por un lado polo apoio decidido da Secretaría Xeral de Universidades e por outro, polo traballo conxunto de toda a comunidade universitaria deste campus. Permítanme que especialmente resalte o papel protagonista das dúas Vicerreitoras do Campus, Araceli e Chus, do Vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Domingo, do Director do Campus, Ginés, do persoal da Oficina Técnica e dos directores, decanos e decanas dos centros de Ferrol e os seus equipos de goberno, a todos e todas, así como á comunidade universitaria do Campus o meu agradecemento moi especial.

Moitas grazas a todas e a todos por asistiren a este acto que remarca a solidez do Campus Industrial de Ferrol”.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC