O Campus Industrial de Ferrol acolle a segunda edición do Ciclo de Conferencias sobre a Automática e a IA

Nota de prensa

7/10/25 10:50

  • Institucional

 

  • A iniciativa está organizada por un grupo docentes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á convocatoria de axudas para a organización de xornadas divulgativas e ciclos de conferencias da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC)

Ferrol, 7 de outubro de 2025.- O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle, o vindeiro luns 13 de outubro, ás 11:30 horas, a primeira das conferencias do Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”, que organiza un grupo de docentes do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol grazas á convocatoria de axudas para a organización de xornadas divulgativas e ciclos de conferencias da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade UDC.

 

A profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa María Regueiro, impartirá, a vindeira semana, a primeira conferencia do ciclo, titulada “Repensando a economía entre a sustentabilidade, a enerxía e os limites do crecemento”.  O martes 14 de outubro terá lugar o segundo relatorio da man do director de Phoenix Contact E-Mobility, Adriano Mones, quen afondará nas infraestruturas intelixentes e na mobilidade eléctrica. Na terceira e última das conferencias, prevista para o martes 23 de outubro, o profesor da Escuela Técnica Superior de Ingeniería da Univesidad de Sevilla (US), Juan Manuel Escaño, falará sobre os ciberataques industriais, definíndoos directamente como “o inimigo silencioso”.

 

Ao igual que na súa primeira edición, este segundo Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade” está dirixido ao alumnado das titulacións de grao e de máster da EPEF. Con todo, a actividade está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Máis información enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es.

 

Inscrición – II Ciclo “Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade”

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC