O CITIC e o Consello Social da UDC poñen en marcha un programa para impulsar vocacións tecnolóxicas entre estudantes

Nota de prensa

21/04/21 14:04

  • Institucional

• A iniciativa “Das TIC ao ceo” componse dun ciclo de conferencias con profesionais de prestixio no ámbito das TIC, todos eles graduados na Universidade da Coruña. • O programa inaugúrase este xoves 22 de abril con motivo do Día Internacional das Nenas nas TIC.

A Coruña, 21 de abril de 2021.– O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e o Consello Social da Universidade da Coruña, presentan o programa “Das TIC ao ceo”, que ten o obxectivo de fomentar vocacións científico-tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato. Este ciclo de conferencias, impartidas por antigos alumnos e alumnas da Universidade da Coruña, terá lugar de forma online durante os meses de abril e maio, e inaugúrase este xoves 22 de abril con motivo da celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC.
A través de charlas en liña ofrecidas por profesionais de recoñecido prestixio dentro do sector, búscase promover no alumnado o interese de cara ás disciplinas STEAM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas, polas súas siglas en inglés).
O ciclo é inaugurado pola investigadora, doutora en Informática e profesora na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, Ana Freire. É cofundadora do proxecto Wisibilízalas, premio Ada Byron Joven 2019 da Universidade de Deusto e foi seleccionada por Business Insider entre os 23 mozos españois de 35 anos ou menos chamados a liderar a revolución tecnolóxica. A charla estará moderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e dirixirase a 100 estudantes de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do Colexio Calasanz PP Escolapios da Coruña.
Desta forma, coa iniciativa “Das TIC ao ceo”, o CITIC e o Consello Social suman forzas para contribuír ao fomento das vocacións tecnolóxicas, en liña cos seus obxectivos estratéxicos, e que se incorpora a outros proxectos postos en marcha na UDC como a implicación nos programas STEMbach e Inspira STEAM. Esta acción tamén pon en valor o talento coruñés para servir como referente á mocidade. Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC