O CITIC da Universidade da Coruña participa na presentación do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal para a xestión de residuos

Nota de prensa

13/03/24 9:33

  • Institucional
  • O prazo de inscrición para a presentación do programa permanece aberto ata completar aforo.

 

A Coruña, 13 de marzo de 2024.- Mañá xoves, día 14 de marzo, terá lugar no salón de actos da Axencia Galega de Innovación en Santiago de Compostela a presentación do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) GRESINT, para a transformación dixital intelixente no proceso de clasificación de residuos, no que participa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC. 

O acto, para o que aínda quedan prazas, terá lugar entre as 9:45 e as 13:30 horas, e poderase asistir previa inscrición ata completar aforo.

A xornada de lanzamento de GRESINT contará coa participación do presidente de SOGAMA, Javier Domínguez; o coordinador rexional de POCTEP, Xosé Lago; e o coordinador POCTEP de coordinación e desenvolvemento rexional do Norte, Mário Guimarâes. 

Por parte do CITIC da UDC participarán os investigadores e profesores da Universidade da Coruña, Miguel A. Rodríguez Luaces, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información; e Carlos Vázquez Regueiro, do Departamento de Enxeñaría de Computadores.

O programa inclúe unha conferencia sobre “DATACENTER LIPOR: dixitalización da xestión de residuos” e unha mesa redonda sobre “Intelixencia artificial aplicada a residuos”. 

 

O proxecto GRESINT está Cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

Máis información e inscricións aquí.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC