A Coruña, 21 de setembro de 2023.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá mañá venres, 22 de setembro, ás 10:00 horas, o encontro investigador “Elas no prelo II. Mulleres no mundo da edición na Galiza”.
A iniciativa enmárcase dentro dos traballos ligados ao proxecto de investigación nomeado “A edición literaria na Galiza, 1975-2000”, coordinado pola docente da UDC Carme Fernández Pérez-Sanjulián, e que analiza a participación das mulleres nos proxectos editoriais galegos nesta etapa. Así, as xornadas buscan dar visibilidade ás mulleres editoras e dar a coñecer o seu papel na industria.
O encontro dará comezo coa presentación do primeiro avance de resultados do proxecto de investigación, da man de Carme Fernández e Ánxela Lema. A continuación, a profesora Iria Sobrino moderará a mesa con Helena Pérez, de Edicións Xerais, Ana Guerra, de Editorial Obradoiro e María Xesús Gómez, da Editorial Rodeira, que contarán en primeira persoa a súa experiencia en proxectos de edición.
Xa na xornada de tarde haberá unha sesión de traballo co equipo de investigación da UDC.
O proxecto “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” está formado por un grupo multidisciplinar de persoal investigador da UDC. Iria Sobrino, Xosé Ramón Freixeiro, Ánxela Lema, María Obdulia Luis, Xoán L. Viñas, Inma Doval, Uxío-Breogán Diéguez e José Antonio Seijas forman o grupo ILLA-UDC, coordinados por Carme Fernández Pérez-Sanjulián.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC