A Coruña, 22 de setembro de 2025.– Un equipo internacional liderado polo investigador do CITIC Xabier Pérez Couto reconstruíu a historia orbital do terceiro obxecto interestelar detectado no noso Sistema Solar: 3I/ATLAS. O traballo, dispoñible no repositorio aberto arXiv e enviado para publicación á revista científica The Astrophysical Journal, revela a traxectoria seguida por este cometa ao longo dos últimos 10 millóns de anos na Vía Láctea.
3I/ATLAS foi descuberto o pasado 1 de xullo polo sistema ATLAS (Asteroid Terrestrial-impact Last Alert System) en Chile. Trátase do terceiro obxecto interestelar rexistrado, tras 1I/’Oumuamua (2017) e 2I/Borisov (2019).
“O que fai único a 3I/ATLAS é que nos permite estudar a evolución de obxectos que veñen doutros sistemas estelares, algo que até o de agora só viramos na teoría. Cada observación é como abrir unha xanela ao pasado do Universo”, explica Xabier Pérez Couto, investigador do CITIC e líder do equipo.
Entre as súas características máis destacadas atópase a súa elevada actividade cometaria —indicativa dunha gran riqueza en xeo— e a súa alta velocidade, duns 58 km/s (máis de 200.000 km/h), o que o converte nun visitante rápido, pero extremadamente valioso para a investigación.
Grazas aos datos de precisión da misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA), o equipo investigador calculou tanto a órbita de 3I/ATLAS como a de máis de 13 millóns de estrelas, co obxectivo de identificar posibles encontros próximos entre estas e o cometa. Atopáronse 93 posibles interaccións, 62 delas cun alto grao de confianza. Porén, debido á elevada velocidade do cometa, os investigadores concluíron que ningunha destas estrelas foi capaz de desviar de maneira significativa a súa traxectoria.
Unha cápsula do tempo de 10.000 millóns de anos
Os resultados apuntan a que 3I/ATLAS é un obxecto extraordinariamente antigo, cunha idade próxima aos 10.000 millóns de anos. Isto convérteo nunha auténtica cápsula do tempo cósmica, que conserva información sobre a formación e evolución dos primeiros sistemas planetarios que se formaron no Universo. Aínda que non se logrou identificar a súa estrela de orixe —e probablemente nunca se consiga—, os datos indican que provén do mesmo contorno dinámico que gran parte da materia do disco delgado da nosa galaxia.
O estudo subliña a dificultade de rastrexar a procedencia de obxectos interestelares individuais. Non obstante, o equipo destaca que, a medida que aumente o número de descubrimentos deste tipo, será posible identificar tendencias químicas e dinámicas a escala galáctica, achegando claves únicas sobre como os planetas e cometas se forman e se dispersan polo Cosmos.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC