O CITIC da UDC imparte un seminario sobre cualificacións e habilidades na intelixencia artificial e a dixitalización, en colaboración co grupo Jean Monnet

Nota de prensa

9/10/23 8:03

  • Institucional

A Coruña, 9 de outubro de 2023.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá mañá martes, día 10 de outubro, o seminario e foro de debate Cualificacións e Habilidades Prácticas na Era da Intelixencia Artificial e a Dixitalización Avanzada, organizada polo CITIC e o grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento da UDC.

O encontro, que terá lugar na sala Cloud do CITIC a partir das 11:30 horas, afondará en como o Big Data e a Intelixencia Artificial están a revolucionar os mercados laborais, dando a coñecer de que xeito anticipa tendencias e emparella demandas e oferta laborais de maneira máis eficiente.

Participarán, Fabio Manca, coordinador Biga Data, Dirección de Emprego e Asuntos Sociais da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e Zeltia Lado, directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia.

Manca será o encargado de impartir a primeira das charlas, ás 12:00 horas, baixo o título “The demand for Skills in online labor markets: Towards a Big Data approach and new tools for detecting skills shortages and improving matching”, que pretende ser unha inmersión profunda na intersección da demanda de habilidades nos mercados laborais en liña, o poder do Big Data e as ferramentas intelixentes para enfrontarse á escaseza de habilidades e mellorar a eficiencia no emaprellamento laboral. Zeltia Lado, pola súa banda, falará ás 12:00 horas sobre a iniciativa de Emprego Intelixente (Emi), unha solución innovadora que utiliza a intelixencia artificial para mellorar a procura de emprego e a xestión de recursos humanos, afondando en como enfrontarse aos desafíos actuais no ámbito laboral e en como o Emi beneficia tanto aos candidatos como ás empresas.

Foto: Fabio Manca, coordinador Big Data, Dirección de Emprego e Asuntos Sociais da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE); e Zeltia Lado Lago, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC