A Coruña, 09 de febreiro de 2026
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) participou recentemente na terceira reunión internacional do proxecto Erasmus+ EDIGIT (European Digital Inclusive Guide for Innovative Teaching), a versión europea do programa Talentos Inclusivos. Esta iniciativa impulsa a inclusión educativa mediante metodoloxías dixitais innovadoras, e o CITIC forma parte do consorcio achegando a súa experiencia a través do citado programa.
O obxectivo principal de EDIGIT é promover a participación das persoas con discapacidade na transición dixital, fomentando enfoques inclusivos no ensino das disciplinas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Para iso, o proxecto desenvolverá unha ampla gama de recursos prácticos dirixidos a profesorado, educadores, especialistas en discapacidade, expertos en TIC e calquera persoa interesada en avanzar cara a unha educación STEM máis accesible e inclusiva.
O encontro, celebrado os días 5 e 6 de febreiro na sede de Hand in Hand Foundation, en Budapest, contou coa participación de Javier Pereira, subdirector e investigador principal do proxecto, e Irene Brage, project manager da iniciativa. Á representación do CITIC sumáronse as profesoras Beatriz Méndez (IES Rego de Trabe) e Paz Freire (IES Zalaeta), cuxos centros participan desde hai varias edicións no programa Talentos Inclusivos do CITIC.
Durante a reunión, os participantes revisaron os avances acadados ata o momento —o proxecto atópase actualmente no seu ecuador— e presentáronse as conclusións preliminares do contido dos módulos formativos que están a desenvolver os distintos socios. Así mesmo, debateuse sobre o deseño dos módulos, as ferramentas de autoavaliación e compartiuse un primeiro avance dunha das actividades clave do proxecto: a formación de formadores. Esta sesión presencial, prevista para 2027, marcará a primeira implementación real dos materiais formativos, a través de sesións dirixidas a docentes e outros perfís vinculados coa educación, a inclusión e o terceiro sector.
Ademais, abordáronse aspectos relacionados coa comunicación, a difusión e a xestión do proxecto, así como a planificación de futuras reunións internacionais. A xornada incluíu unha visita guiada pola cidade de Budapest, favorecendo a interacción entre os socios e o intercambio de boas prácticas.
O proxecto EDIGIT, liderado polo CITIC, conta coa participación de seis institucións de cinco países europeos: Academia José Moreira da Silva (Portugal), Kezenfogva Osszefogas A Foyatekosokert Alapitvany – Hand in Hand Foundation (Hungría), Gymnázium Jiřího Gutha-Jarkovského (República Checa), ASPACE Coruña (España), Polo Europeo della Conoscenza – IC Bosco Chiesanuova (Italia) e On Projects Advising SL (España).
Desde o CITIC sublíñase a importancia desta colaboración internacional para crear recursos educativos que fomenten a inclusión e a equidade na educación dixital. O programa Talentos Inclusivos comprométese a ofrecer formación de alta calidade que mellore as competencias dixitais do profesorado e faga que o ensino STEM sexa accesible e inclusivo para todas as persoas.
Sobre Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre a mocidade e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo que buscan solucións tecnolóxicas a retos formulados por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia deberán buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos propostos por usuarios de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que impulsa o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, ademais dunha área transversal: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora” (ED431G 2023/01).
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC