A Coruña, 29 de outubro de 2025.- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña participa como entidade patrocinadora do congreso internacional FUTURE MATERIALS 2025, que está a ter lugar entre o 27 e o 29 de outubro en Tenerife. O encontro, de referencia no ámbito dos materiais avanzados, reúne a persoal experto de todo o mundo para abordar os últimos avances en ciencia de materiais e as súas aplicacións en sectores como a enerxía, a biomedicina ou a sustentabilidade.
Como parte do seu patrocinio, o CICA financia a conferencia do profesor Andreas Hirsch, catedrático de Química Orgánica na Universidade Friedrich-Alexander de Erlangen-Núremberg (Alemaña), recoñecido internacionalmente polas súas achegas pioneiras ao desenvolvemento de materiais baseados en carbono, como o grafeno. A súa intervención está prevista como un dos principais puntos destacados do programa científico do congreso. Ademais, o CICA patrocina un dos premios que se entregarán durante o encontro, destinado a recoñecer a excelencia investigadora de mozas e mozos científicos no eido dos novos materiais. Con este apoio, o centro reafirma o seu compromiso coa colaboración internacional e a investigación interdisciplinar, dous piares fundamentais da súa actividade.
O congreso contará tamén coa participación de investigadores do CICA: Daniel Nieto, do grupo Advanced Biofab, intervirá como relator convidado, mentres que Alejandro Criado, investigador Ramón y Cajal do grupo Nanoself, forma parte do comité científico do congreso. A súa presenza subliña o nivel e o dinamismo da investigación desenvolvida no CICA en áreas punteiras da ciencia de materiais.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC