Ferrol, 24 de setembro de 2025.- A historia de Jammer, a integrante dun grupo de persoas rebeldes que loita contra unha perversa compañía intergaláctica denominada ZenCore, espertou o interese do CEO de Gammera Nest, Daniel Sánchez, e do director de Vandal, Pablo Grandío, quen se achegaron este mércores ata a Sala de Xuntas da Vicerreitoría do campus ferrolán para coñecer máis polo miúdo “Renegade Jammer”, un videoxogo nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Detrás deste proxecto están os alumnos da Universidade da Coruña (UDC) Andrea Alonso, Álvaro Martos, David Muradás, Gael Alberto Quintela, Andrea Salgado e Manuel Sanjurjo. Xuntos conforman Team Kaulu, o estudo que está a desenvolver este xogo de plataformas 3D no que a súa protagonista, xunto con outros compañeiros e compañeiras de viaxe, terá que irromper nas instalacións que esta compañía, dedicada ao estudo das mutacións xenéticas con fins pouco éticos, ten en varias galaxias co obxectivo de facer caer os seus sistemas informáticos e deter a súa actividade.
As propostas de mellora realizadas polo CEO de Gammera Nest, Daniel Sánchez, polo director de Vandal, Pablo Grandío, e máis pola coordinadora do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Luz Castro, serviranlle ao estudantado do Campus Industrial de Ferrol para ultimar detalles de cara á súa participación na BCN Game Fest que terá lugar, do 10 ao 12 de outubro, en La Farga de Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie no Lérez Up de Pontevedra
Con todo, esta non é a primeira vez que o estudo Team Kaulu presenta “Renegade Jammer” en público. En novembro de 2024 participaron na ExpOtaku, en ExpoCoruña e, máis recentemente, hai pouco máis dunha semana, no Lérez Up de Pontevedra onde conseguiron o Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie.
Foto: o alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos xunto co CEO de Gammera Nest, Daniel Sánchez, o director de Vandal, Pablo Grandío, e a coordinadora do título, a profesora Luz Castro, un intre antes da súa presentación na Sala de Xuntas da Vicerreitoría do campus ferrolán.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC