Ferrol, 1 de agosto de 2025.- Desde a súa creación, o pasado mes de outubro, o Banco de Reciclaxe Electrónica con Sotfware Libre, situado na aula -1.5 do Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, arranxou, acondicionou e entregou un total de 15 equipos informáticos ás persoas usuarias da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril e da Fundación Amigó de Lugo, así como a estudantado da Universidade da Coruña con baixos recursos.
Pero non só foron ordenadores, teclados e ratos, ao longo destes meses tamén lle deron unha segunda vida a fontes de alimentación, monitores, televisións, radios ou mesmo a algún que outro secador de pelo, mando a distancia ou tocadiscos. Todo isto, no marco dunha iniciativa que promove a Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC xunto co Programa Green Campus Ferrol e en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras.
Con todo, a maior parte do traballo realizado polas persoas que colaboran neste Banco de Reciclaxe Electrónica con Sotfware Libre centrouse no reacondicionamento de equipos informáticos procedentes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), dos contedores de reciclaxe situados en distintos puntos do campus, así como doutro material cedido por particulares. Entre as principais funcións a realizar figura mudar determinados compoñentes, principalmente discos duros, e instalar un sistema operativo libre e programas de código aberto.
É o segundo espazo destas características que ten a Universidade da Coruña
O Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre do Campus Industrial de Ferrol é o segundo espazo destas características que ten a Universidade. De feito, o primeiro creouse a finais do ano 2020 e está situado na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos, no Campus da Coruña.
Ademais, en Galicia temos en funcionamento outros tres espazos similares: o Banco de Reciclaxe Municipal de Teo, o Banco de Reciclaxe da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo), xestionado en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras, e o Banco de Reciclaxe Municipal e Oficina de Software Libre de Ames, este último nado en 2022 grazas ao apoio da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e ao Banco de Teo.
Tal e como indican desde a Asociación ESF, a través desta iniciativa, os chamados Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, pretenden promover o uso do software libre e a soberanía dixital, a reutilización de equipos electrónicos para aumentar a súa vida útil, a diminución dos residuos e a extracción de materiais, a promoción da electrónica ética así como a redución da fenda dixital.
Foto: un pequeno grupo de persoas que integran a comunidade universitaria no Campus Industrial de Ferrol colaboran no Banco de Reciclaxe Electrónica con Software Libre, unha iniciativa que promove a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña xunto co Programa Green Campus Ferrol e en colaboración coa Asociación Enxeñaría Sen Fronteiras.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC