A Coruña, 3 de outubro de 2025.- A catedrática de Dereito, María Emilia Casas Baamonde, foi investida esta mañá Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña, converténdose así na trixésimo primeira Honoris Causa da institución coruñesa nun acto, presidido polo reitor, Ricardo Cao, que contou tamén coa intervención do catedrático da UDC Jesús F. Martínez Girón, quen actuou como padriño desta cerimonia solemne.
A homenaxeada pronunciou seu discurso baixo o título “O valor do Dereito Comparado e os valores fundamentais do Dereito da UE”. Un relatorio no que tivo palabras de agradecemento e de posta en valor da Universidade da Coruña pola súa “excelencia académica e compromiso coa sociedade galega”. Xa máis no ámbito do Dereito, destacou a traxectoria realizada polo Grupo de Investigación en Dereito do Traballo e Seguridade Social, Español e Comparado da UDC, do que subliñou, “é único no país”. Un equipo dirixido polo profesor Martínez Girón que edita o Anuario Coruñés de Dereito Comparado do Traballo, no que ten colaborado asiduamente María Emilia Casas.
Na segunda parte do seu discurso, a homenaxeada fixo unha análise do Dereito Comparado e da “mirada europea” desta disciplina, tendo en conta -dixo- que “é a parte do mundo que mellor combinou a liberdade política, a prosperidade económica e a cohesión social”. Un punto no que tivo tamén palabras para a situación de Gaza, sobre a que reclamou que “os dereitos fundamentais e de dignidade humana deben ser universais”. “A masacre e o exterminio da poboación gazatí por parte de Israel -subliñou- demandan unha condena rotunda e inequívoca”.
A globalización neoliberal, a dixitalización, a intelixencia artificial e o cambio climático, así como os fluxos migratorios e a súa impregnación no Dereito foron outros dos aspectos sometidos a reflexión no transcurso da súa intervención. Nela tamén se referiu ao pluralismo cultural da sociedade europea, que ten o seu reflexo nunha cultura xurídica “plural.” O dereito non só regula normas, senón que tamén expresa e estrutura valores culturais compartidos, amosando unha Europa xurídica aberta e global. Por último, puxo en valor os valores constitucionais do Dereito da UE como “bastión” fronte os ataques á democracia.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, destacou os méritos da nomeada Doutora Honoris Causa, como primeira catedrática de Dereito do Traballo en España “abriu camiños que parecían vedados” a moitas mulleres. Subliñou, así mesmo, a contribución decisiva que tivo na configuración dun marco galego de relacións laborais, que fixo de Galicia un referente na solución extraxudicial de conflitos do traballo.
A Universidade da Coruña recoñeceu hoxe “non só unha carreira xurídica excepcional” senón un compromiso ético e cívico coa igualdade, coa xustiza e coa liberdade”, gabou Cao, quen apostilou que “o Dereito cando é auténtico vai máis alá da técnica: é unha ferramenta de transformación social e de dignidade humana.”
Por último, Cao tivo tamén palabras para denunciar “a traxedia humana que se está a vivir en Gaza, o que debe interpelar as nosas conciencias e lembrarnos que os dereitos humanos son universais.” Por iso, “alzamos a voz para dicir contra o xenocidio... humanidade”.
Unha extensa e excelente traxectoria
Emilia Casas foi a primeira muller catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social do país, sendo o Dereito Laboral un dos seus principais ámbitos de traballo do que é, ademais, unha das maiores expertas de España. En 1998, ingresou como maxistrada no Tribunal Constitucional e en 2004 foi a primeira muller en presidir este Alto Tribunal (2004-2010). No Tribunal Constitucional o traballo da profesora Casas Baamonde foi inmenso e tense posto de relevo que asumiu a ponencia de máis de 400 preitos constitucionais.
Pioneira tamén en aplicar a perspectiva de xénero ao Dereito, como catedrática de Dereito do Traballo, durante a súa presidencia o Tribunal Constitucional consolidou a tutela antidiscriminatoria por razón de xénero nas súas múltiples vertentes e reforzou a protección das traballadoras embarazadas, á vez que atribuíu dimensión constitucional a todas aquelas medidas tendentes a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores.
Casas avalou tamén a constitucionalidade da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, da que este ano se cumpre o seu vixésimo aniversario, recoñecendo as características específicas deste fenómeno criminal, as necesidades de protección da vítima e o maior reproche social das agresións contra a esposa ou parella.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC