Máis de douscentos profesores da Universidade da Coruña actualizan a súa metodoloxía nas xornadas de innovación docente

Nota de prensa
8/11/18 14:39
  • Institucional

A Coruña, 8 de novembro de 2018.- Máis de douscentos profesores da Universidade da Coruña participan entre hoxe e mañá nas III Xornadas de Innovación Docente, nas que se presentan metodoloxías e experiencias novidosas co obxectivo, segundo se puxo de manifesto no acto de inauguración, de “ensinar mellor cada día para que o alumnado saia o mellor formado posible”.

O acto de inauguración estivo presidido polo reitor, Julio Abalde, xunto coa vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo, centro no que se desenvolven as xornadas.

Abalde puxo o foco do protagonismo no propio profesorado que é o que compartirá experiencias ao longo destes dous días e o que ten que facer o traballo de mellorar a súa metodoloxía docente que é moito máis, indicou o reitor, que incorporar tecnoloxía nova. Abalde agradeceu á vicerreitora que desde o primeiro ano de mandato implantase estas Xornadas de Innovación Docente, un paso máis logo da avaliación do traballo do profesorado xa consolidado. Agradeceu así mesmo o labor do Centro de Universitario de Formación e Innovación Educativa, Cufie, organizadores das xornadas. O reitor tamén tivo un recoñecemento da traxectoria do actual decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo, quen na súa etapa como vicerreitor de Títulos e Calidade no goberno do reitor José María Barja puxo en marcha na UDC sistemas de calidade pioneiros dentro da universidade española, ademais de enfrontar os inicios da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Este labor foi recoñecido tamén pola vicerreitora Nancy Vázquez quen revelou que segue esa liña marcada de mellora continua en todos os ámbitos que afectan á súa vicerreitoría e, sobre todo, en calidade docente.

Peralbo pola súa parte destacou que o profesorado universitario é ante todo docente e que se debe ao estudantado polo que a actualización na metodoloxía é imprescindible.

Despois do acto inaugural, interveu Antonio Fernández-Coca, vicerreitor de Campus Dixital e Transmedia da Universitat de les Illes Balears, coa conferencia “Hai que saír do armario para entrar no armario: diario dunha expriencia docente”. A Universidade da Coruña organiza por terceiro ano as Xornadas de Innovación Docente, programadas polo Cufie, dependente da Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente, nas que entre hoxe e mañá se presentarán máis de sesenta experiencias docentes innovadoras, ademais de haber programadas diversas mesas de debate.

Máis información: https://goo.gl/9gvxM7

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC