A Coruña, 17 de outubro de 2025- O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, comeza a acoller as primeiras visitas dunha nova edición do proxecto “Incrúst@te: ¿qué é un grupo de investigación? Introdución á investigación en Química e Bioloxía”, en colaboración coa Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta iniciativa, única en Galicia, busca incentivar a vocación científica entre o alumnado de Educación Secundaria Obragatoria, Bacharelato e Formación Profesional dos centros educativos galegos.
Durante os próximos meses, ata 400 estudantes das diferentes provincias de Galicia visitarán o centro de investigación. O IES Monte da Vila, do Grove (Pontevedra), foi o primeiro grupo en iniciar estas incursións, onde o alumnado puido descubrir o centro e os seus laboratorios.
Unha vez rematadas as visitas, serán seleccionados ata 20 estudantes a través dunha carta de motivación, para “incrustarse” durante tres días no centro, onde poderán realizar unhas prácticas experimentais baixo a supervisión do persoal investigador. O alumnado poderá escoller as súas preferencias entre os grupos de investigación repartidos nas tres áreas centrais: Alimentación, Contaminación e Saúde e Nanociencia e Biomedicina.
Tralo seu paso polo CICA, terá lugar, como en anteriores edicións, un congreso científico celebrado na Domus da Coruña, no que o estudantado poderá expoñer o seu traballo con pósters e presentacións orais ante un xurado. As catro iniciativas que saian finalistas poderán realizar unha estancia de ata dúas semanas no centro de investigación para profundar máis no seu proxecto.
O programa desenvolverase ao longo do curso 2025-26 nas seguintes fases:
Incrústate é unha iniciativa pioneira en Galicia desde 2017 que busca fomentar a vocación científica na mocidde para que coñezan o sector de primeira man, mostrarlles as titulacións da Facultade de Ciencias da UDC, ademais de dar visibilidade ao traballo do persoal investigador e ao papel da muller na Ciencia. Polas anteriores edicións realizadas pasaron xa máis de 1.600 estudantes.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC