Ferrol, 26 de marzo de 2019.- O director da Escola Universitaria Politécnica (EUP), Andrés Piñón Pazos, recibirá, este xoves 28 de marzo, ás 09:30 horas, aos máis de 170 estudantes de ESO, Bacharelato e FP que participarán no II Torneo de Robótica que organiza o centro. Nesta segunda edición, participará alumnado do IES Cabo Ortegal, de Cariño; dos IES Eduardo Blanco Amor e Rego da Trabe, de Culleredo; dos IES Ferrol Vello, Sofía Casanova e Catabois, de Ferrol; do IES San Rosendo, de Mondoñedo; do IES Ortigueira, de Ortigueira; do CPI de Atios, de Valdoviño; e mais do CIFP Ferrolterra.
Divididos en 39 equipos, os estudantes terán que superar tres retos: un sigue liñas con obstáculos, a proba do “Barrendeiro” e unha competición de sumo. No sigue liñas, o robot terá que seguir unha traxectoria impresa e salvar aqueles obstáculos que se interpoñan no seu camiño. Na proba do “Barrendeiro”, empregarán algoritmos similares aos que utilizan as aspiradoras ou as máquinas de cortar o céspede para barrer todos os obxectos do taboleiro. Acadará a maior puntuación aquel equipo que consiga o obxectivo marcado no menor tempo posible. Por último, na competición de sumo, os equipos medirán as súas forzas nun cara a cara no que deben expulsar ao robot contrario do taboleiro de xogo. O robot empregado será un Mbot Ranger.
O xurado estará integrado polo profesorado e alumando da Escola Universitaria Politécnica. A entrega de premios terá lugar, no Salón de Actos do centro, ás 13:00 horas. A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, será a encargada de pechar o acto.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC