Investigadores do Centro de Investigación TIC da UDC participan no CHUAC na Xornada sobre tecnoloxías emerxentes en formación e práctica médica

Nota de prensa

14/11/23 9:16

  • Institucional

A Coruña, 14 de novembro de 2023.- O vindeiro xoves, día 16 de novembro, o salón de actos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, CHUAC, acollerá entre as 9:30 e as 13:40 horas a Xornada sobre Tecnoloxías Emerxentes en Formación e Práctica Médica: cara un novo CHUAC 4.0, espazo onde se poñerán en valor os avances sobre impresión e visualización 3D, realidade virtual e innovación dixital no sector sanitario.

O acto de presentación, que terá lugar ás 9:30 horas, contará coa asistencia de Luis Verde Remeseiro, xerente da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, e Julio Abalde Alonso, reitor da Universidade da Coruña.

O primeiro bloque de contidos será moderado por Álex Ávila Álvarez, director de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria, e Manuel González Penedo, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña.

A primeira conferencia da mañá terá lugar ás 9:45 horas e será ofrecida por María Gloria Álvarez Caballero, da Plataforma de Simulación e Impresión 3D, que reflexionará sobre como xerar valor desde un servizo central de enxeñaría e impresión 3D na contorna hospitalaria.

A continuación, ás 10:15 horas, José A. Iglesias Guitián, Red Leonardo FBBVA e Investigador Ramón y Cajal do CITIC, presentará os avances na visualización 3D en tempo real de tomografías computarizadas.

Posteriormente, Javier Pereira, subdirector do CITIC, falará sobre o programa Talentos Inclusivos e a rehabilitación e as actividades para a inclusión mediante o uso da realidade virtual e a impresión 3D para a adaptación e comunicación personalizadas.

Tras unha breve pausa dará comezo o segundo bloque de contidos, que será moderado por Pedro J. Marcos Rodríguez, director asistencial da Área Sanitaria, e Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC.

Ás 12:15 será a quenda de Juan A. Juanes Méndez, profesor da Universidade de Salamanca, e responsable do Grupo de Investigación de Sistemas de Visualización Médica Avanzada, que reflexionará sobre a innovación dixital no sector sanitario e como as tecnoloxías de RM (realidade mixta) poden axudar na formación médica e a práctica clínica.

O último relatorio terá lugar ás 15:15 horas, e abordará a experiencia práctica dun contorno virtual na artrocentesis inmersiva. Nesta presentación participarán Lara Davila Seijo e Nerea Esquirol Díaz, MIR de reumatoloxía; Hugo Queijeiro Pintos, estudante de medicina, e Eva Sofía Barros Rego, MIR de medicina de familia.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC