Investigadores da UDC participan nun estudo publicado en Nature no que se analiza a presenza e natureza de residuos plásticos na auga de lagos e encoros

Nota de prensa

12/07/23 17:04

  • Institucional
  • Roberto Bao, Rafael Carballeira e Moisés Canle, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), e Jordi Delgado e José Luis Cereijo, do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), participan no traballo liderado por Verónica Nava e Barbara Leoni, da Universidade de Milán-Bicocca.
  • O equipo internacional de investigadores recabou datos de lagos e encoros en 23 países e seis continentes. Os ecosistemas acuáticos ibéricos estudados son o encoro de Sau (Barcelona), Alqueva (Portugal, o encoro máis grande de Europa Occidental), e en Galicia, Meirama (lago artificial), Cecebre (encoro) e Doniños (lago natural). Cecebre e Meirama son as principies fontes de abastecemento da cidade da Coruña.

 

A Coruña, 12 de xullo de 2023.- Os investigadores da Universidade da Coruña Roberto Bao e Rafael Carballeira do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) e Moisés Canle do grupo Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!-PHOTO), do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA); e Jordi Delgado e José Luis Cereijo, do grupo de investigación en Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), participan do estudo internacional Plastic debris in lakes and reservoris, que se acaba de publicar na revista Nature, e ocupa a súa portada.

Este proxecto pretende lanzar nova luz sobre a presenza, orixe e impacto dos residuos plásticos nas augas superficiais de 38 lagos e encoros distribuídos en 23 países, seis continentes e cunha ampla diversidade de condicións ambientais. Os ecosistemas acuáticos ibéricos estudados son o embalse de Sau (Barcelona), Alqueva (Portugal, o encoro máis grande de Europa Occidental), e en Galicia, Meirama (lago artificial), Cecebre (encoro) e Doniños (lago natural). Cecebre e Meirama son as principais fontes de abastecemento da cidade da Coruña. Os valores de microplásticos de todos eles sitúanse nun rango intermedio, con valores elevados no caso do encoro de Sau e mínimos no lago natural de Doniños.

Nalgúns lagos rexístrase un maior nivel de contaminación que nos océanos. É o caso dos lagos Maggiore (Lugano, Italia), Tahoe (EE.UU.) e Neagh (Reino Unido), arredor dos que hai unha importante actividade turística e á vez son a principal fonte de abastecemento de auga para as poboacións humanas de la zona. Os niveis detectados son preocupantes de cara ao futuro tanto porque condicionan a dispoñibilidade de auga potable de consumo humano como polas posibles repercusións na vida salvaxe.

As mostras nas que se basea o estudo foron tomadas de modo coordinado no tempo, empregando, por primeira vez, procedementos estandarizados para a súa recollida e posterior caracterización no Laboratorio de Ecoloxía de Augas Doces da Universidade de Milano-Bicocca (Italia).

Ata a data, diversos estudos puxeron en evidencia a problemática da existencia de residuos plásticos no medio natural, centrándose, en especial, nas contornas oceánicas e costeiras. Con todo, a información dispoñible en canto ao impacto e á dinámica da contaminación por plásticos en augas continentais é moi escasa. Por iso, o traballo publicado en Nature proporciona unha valiosa perspectiva a escala global do estado da cuestión, sentando as bases para estudos máis focalizados e detallados. Aínda que os resultados do estudo non son preocupantes a día de hoxe, a xeneralizada presenza de plásticos, mesmo en sistemas considerados prístinos, anticipa a necesidade de redobrar os esforzos de prevención, control e vixilancia, co fin de garantir unha óptima preservación das masas de auga tanto no presente como para as xeracións futuras. Nese sentido, tal e como sucede con outras formas de contaminación, a presenza de plásticos dun sistema acuático dá lugar a efectos adversos para a calidade da auga que comprometen a viabilidade do seu uso como recurso e danan os ecosistemas acuáticos. Así mesmo, as masas de auga continentais representan verdadeiros sistemas-sentinela a través dos cales se poden evidenciar, ou mesmo anticipar, problemáticas como a estudada.

Neste estudo, coordinado polas investigadoras italianas Verónica Nava e Barbara Leoni, da Universidade Milán-Bicocca, Italia, participaron os cinco investigadores da Universidade da Coruña xunto con outros 79 de todo o mundo, todos eles vinculados á rede científica internacional Rede Global de Observatorios Ecolóxicos de Lagos (GLEON).

O encoro de Abegondo-Cecebre é o único de España que, baixo os auspicios da Cátedra EMALCSA-UDC, intégrase na devandita rede de forma permanente para dar soporte científico multidisciplinar a un bo número de investigadores que desenvolven a súa actividade neste ecosistema de interese singular, no que constitúe xa un verdadeiro laboratorio ao descuberto de investigación de alto nivel no ámbito da auga.  

Nature_portada

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC