A Coruña, 3 de abril de 2025.- O pasado mes de marzo marcou o inicio oficial do proxecto APMANA-EAREC (Advanced Pricing Models and Numerical Approaches for Emission Allowances and Renewable Energy Certificates), unha iniciativa innovadora financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI) española e a Deutshe Forschungsgemeinschaft (DFG), a súa homóloga alemá.
O investigador do CITIC e catedrático de Matemática Aplicada da Universidade da Coruña, Carlos Vázquez Cendón, participou na reunión de arranque do proxecto APMANA-EAREC en Wuppertal, Alemaña.
Un proxecto innovador para modelizar mercados enerxéticos
Esta iniciativa céntrase no deseño e resolución numérica de novos modelos de valoración para os certificados de emisións de CO2 e de enerxías renovables, un tema de especial relevancia no actual contexto de transición enerxética e loita contra o cambio climático.
Neste primeiro encontro concretáronse os plans para as liñas de traballo que desenvolverán ambos os equipos. O equipo do CITIC da UDC centrarase no deseño de modelos de valoración dos certificados de enerxía renovable (RECs), que as empresas reciben pola xeración de electricidade a partir de renovables e que, posteriormente, negócianse nos mercados ou mediante produtos derivados. Estes produtos son de gran complexidade, polo que a investigación aplicará ecuacións diferenciais avanzadas e desenvolverá novos métodos numéricos para mellorar a análise e predición nos mercados de enerxía.
Segundo indica o investigador do CITIC Carlos Vázquez, “a colaboración coa universidade alemá supón unha oportunidade para aproveitar sinerxías entre os equipos, avanzar no coñecemento e formar doutores nun tema de gran actualidade e interese para administracións e empresas”
Colaboración internacional e avances científicos
O equipo da Universidade da Coruña está formado por Íñigo Arregui, Carmen Calvo, María de los Ángeles Baamonde, José Germán López e Pablo Pérez. Por parte da Universidade de Wuppertal, participan os investigadores Matthias Ehrhardt, Thomas Kruse e Long Teng, entre outros.
APMANA-EAREC pretende achegar solucións innovadoras para a xestión eficiente dos mercados de emisións e enerxías renovables, contribuíndo a unha mellor comprensión da súa dinámica e facilitando a toma de decisións no camiño cara a un futuro enerxético sostible.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Foto: de esqueda a dereita, os profesores Long Teng, Thomas Kruse, Carlos Vázquez e Matthias Ehrhardt, na Universidade de Wuppertal.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC