A IV edición da Festa Amergin da Poesía Atlántica celebrarase do 26 ao 28 de xuño na cidade da Coruña, consolidándose como un espazo único de encontro entre as tradicións literarias galega e irlandesa. O evento, organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, In Nave Civitas e Xuntas polas Artes, conta coa colaboración do Instituto Universitario de Estudos Irlandeses Amergin da Universidade da Coruña e da Torre de Hércules.
O nome da festa fai referencia ao poema fundacional da literatura irlandesa, coñecido como Song of Amergin (Canción ou Manifesto de Amergin), un texto mítico que nos conecta directamente coa cultura gaélica. Segundo a tradición recollida no Lebor Gabála Érenn (Libro das Invasións), datado no século XII, Amergin, o poeta que pronuncia o manifesto, era membro do clan milesio dos Fillos de Mil, descendentes de Breogán. Estes pobos antigos, segundo o mito, chegaron a Irlanda dende Galiza, establecendo un elo lendario e simbólico entre ambas beiras do Atlántico.
Programa da IV Festa Amergin da Poesía Atlántica
Xoves 26 de xuño, ás 21:00 h – Pub Delirium (Paseo das Pontes, 5)
Concerto inaugural de folk-rock co grupo 3A
A festa comeza cun concerto do grupo 3A, composto por Alan Floyd, Ana Gabin e Antonio de Toro. A banda, integrada no colectivo Distrito 10, ofrecerá un repertorio de música country, folk, rock e pop desde os anos setenta até hoxe, cunha escolla pensada para celebrar a poesía e a irmandade atlántica. Unha oportunidade para gozar da música en directo e abrir os sentidos ao espírito de Amergin.
Venres 27 de xuño, a partir das 19:00 h – Local da AC Alexandre Bóveda
Palestras e conversas arredor da literatura, a natureza e a resistencia cultural
A xornada do venres abre cunha conversa entre o naturalista Antonio Sandoval e o escritor Manuel Rivas, arredor da novela máis recente deste último, Tras do ceo, e a inspiración poética da Canción de Amergin. Un diálogo que promete abrir camiños entre a literatura de natureza, a ecoloxía profunda e as tradicións célticas.
A continuación, contaremos coa presenza de Ciarán Dawson, profesor de lingua irlandesa na Universidade de Cork e activista pola independencia de Irlanda do Norte. Dawson compartirá a súa experiencia vital e reflexionará sobre a lingua como ferramenta de resistencia e dignidade colectiva. A súa intervención, titulada Lingua irlandesa e resistencia, ofrece unha perspectiva única sobre a loita pola identidade cultural.
Sábado 28 de xuño, ás 21:00 h – Praia do Areal (praia das Lapas)
Gran festa final: poesía, teatro e música fronte ao mar
A IV Festa Amergin culmina cunha celebración aberta na praia do Areal, aos pés da Torre de Hércules, nun encontro onde se mesturan as palabras, as emocións e a música.
O acto estará presentado polo incansable Xurxo Souto, quen animará unha noite chea de forza creativa e espírito atlántico. O programa inclúe:
Unha ponte atlántica de poesía e identidade
A Festa Amergin da Poesía Atlántica nace co desexo de fortalecer os lazos culturais e simbólicos entre Galiza e Irlanda, dúas nacións unidas pola memoria mítica, a loita pola lingua e a creación poética. Todas as actividades son de acceso libre, abertas á cidadanía, e convidan á participación activa da comunidade.
Do 26 ao 28 de xuño, a poesía erguerase como refacho mariño para lembrar que, como Amergin, tamén nós somos voz do mar e da terra, da palabra que une e da beleza que resiste.
Publicado por: Instituto Universitario de Estudos Irlandeses, Amergin