A Coruña, 14 de marzo de 2024.- Ao redor de cen persoas participaron este mércores no terceiro taller de “HumanIA” da Universidade da Coruña, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades e Documentación, en colaboración co CITIC da UDC. A experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina, impartiu o taller que levou por título “Intelixencia artificial e Creatividade: como potenciar o teu talento”, no que compartiu cos asistentes a súa experiencia á fronte dunha axencia especializada en creatividade aumentada, Estado Latente, da que tamén é cofundadora.
Ao acto asistiron tamén Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da Universidade da Coruña; Manuel F. González Penedo, director do CITIC; Jesús Expósito, director técnico do Consello Social da UDC, e Manuela del Pilar Santos Pita, decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.
Este obradoiro de HumanIA UDC profundou nos aspectos máis relevantes da cocreación humano-máquina máquina-humano a través dunha serie de ferramentas e aplicacións que están a resultar moi útiles a artistas e outras profesións con inquietudes creativas. A experta pretedeu que os asistentes experimentasen de maneira práctica, a través do uso dos seus propios computadores na sala, as disciplinas e tecnoloxías que están dispoñibles para aplicarse ao branding e á industria das ideas. Por iso dirixiu este taller a creadores, estrategas, artistas, publicistas, consultores, pemes e calquera profesional ou estudante con interese por desenvolverse no ámbito creativo.
HumanIA UDC
O taller enmárcase no ciclo formativo ‘HumanIA UDC: o desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia artificial’, lanzado no pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia da Intelixencia artificial nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos diversos talleres, nos que se abordaron tamén a regulación da Intelixencia Artificial e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.
Foto: De esquerda a dereita, Manuela del Pilar Santos Pita, decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol; Jesús Expósito, director técnico do Consello Social da UDC; Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC; Manuel F. González Penedo, director do CITIC e a experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC