A Coruña, 26 de febreiro de 2024.- O pasado venres, día 23 de febreiro celebrouse na Facultade de Informática o IV PhDay-EIO, gozando da reunión de estudantes do Programa de Doutoramento en Estatística e Investigación Operativa das tres universidades públicas galegas.
O encontro, organizado polo alumnado de doutoramento da Universidade da Coruña do dito programa, con apoio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC) e o Grupo de Modelización, Optimización e Inferencia Estadística (MODES), caracterizouse por relatorios científicos de altísima calidade, destacando especialmente o investigador Diego Bolón Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela, que foi galardoado co premio da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións (#SGaPEIO) á mellor comunicación oral, pola súa calidade e capacidade divulgativa.
Durante toda a xornada, as persoas asistentes puideron gozar, ademais, dun escenario onde compartir coñecemento, diversión, pero tamén medos, dúbidas e incertezas asociadas a esta etapa de formación, e comezar a iluminar posibilidades de futuro da man da doutora Rebeca Peláez Suárez, da Universidade Carlos III de Madrid; o doutor Brais González Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela; o doutor Pablo Montero Manso, da Universidade de Sydney; e o doutor David Martínez Rego, Co Founder de DataSpartan.
O IV PhDay-EIO, celebrado por primeira vez na cidade herculina, únese así ao éxito das edicións anteriores da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, converténdose, de novo, en máis que un evento académico, en toda unha oportunidade para conectar, compartir e desfrutar da Estatística e Investigación Operativa.
FOTO 1: Entrega do premio da #SGaPEIO á mellor comunicación oral do IV PhDay-EIO polo Comité Organizador da Universidade da Coruña. De esquerda a dereita: Jorge C. Rella, Beatriz Piñeiro Lamas, Marta Rodríguez Barreiro, o premiado Diego Bolón Rodríguez, Naomi Diz Rosales e Blanca Estela Monroy Castillo.
FOTO 2: Foto grupal de asistentes e relatores do IV PhDay-EIO durante a actividade de difusión social do evento.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC