Ferrol, 9 de febreiro de 2026
Os Premios Youtubeiras+ deron a coñecer este sábado no Teatro Jofre de Ferrol o palmarés da súa novena edición, nunha gala que puxo o foco no talento creador en galego nas redes sociais. O certame, organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos galegos, polas tres universidades públicas galegas (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) e pola Deputación da Coruña, ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nas contornas dixitais.
O Premio á Creación de Contidos foi para a canle Konachadas, mentres que Rodri Míguez acadou o galardón á Mellor Canle e Fóra de mapa pódcast resultou gañador do Premio ao Mellor Pódcast. Pola súa banda, Patri Otero recibiu o Premio á Calidade Lingüística, ChutenMeme fíxose co Premio Rede e O búnker debuxos foi distinguido co Premio Revelación. O Premio do Público, decidido por votación popular a través da Rede, recaeu no vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela.
A gala estivo presentada por Leila Fernández, membro da canle O faiado pódcast, e por Carlos Vieito, integrante do proxecto Exército Mekemeke, e contou coa presenza de representantes das 28 canles finalistas. Ao longo da velada fíxose público o ditame dun xurado integrado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador especializado en videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos na edición de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
No caso do Premio á Creación de Contidos, o xurado destacou de Konachadas a súa “calidade visual, imaxinación e capacidade para converter calquera temática nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos”. De Rodri Míguez, recoñecido como Mellor Canle, salientouse o seu “labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción altruísta da música en galego”.
O Premio ao Mellor Pódcast foi para Fóra de mapa pódcast por “usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras que funcionan como unha xanela cara a culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional”. O xurado valorou de Patri Otero, gañadora do Premio á Calidade Lingüística, o feito de “utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar”.
Así mesmo, O búnker debuxos recibiu o Premio Revelación pola súa capacidade para “sorprender e abraiar a través dunha animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida aos memes propios”, mentres que ChutenMeme foi recoñecida co Premio Rede por xerar, “a través do humor, novos lazos virtuais e facer medrar a comunidade dixital galega”.
Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a participación de 126 canles, a cifra máis alta da historia do certame e moi superior á da edición anterior, na que concorreran 89. A convocatoria de 2025 incorporou como principal novidade a posibilidade de participar con perfís de calquera plataforma dixital, fronte á restrición a YouTube e TikTok existente na oitava edición.
Á gala de entrega asistiron representantes das entidades organizadoras, entre eles o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; así como representantes municipais e universitarios vinculados aos ámbitos da normalización lingüística, a cultura e a igualdade.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC