Entrega do Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da Facultade de Informática da Universidade da Coruña

Nota de prensa

18/04/23 13:15

  • Institucional

A Coruña, 18 de abril de 2023.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña, acollerá o mércores 19 de abril, a partir das 11:30 horas, a VIII edición do Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática. O CITIC, xunto coa Fundación Universidade da Coruña, colaboran nestes premios, que contan ademais co patrocinio das cátedras institucionais, Aldaba WIB (Women, ICT & Business) , NTTdata e SNGULAR.

Dos 14 traballos presentados, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra no curso 2021-2022, tres foron os seleccionados: “Desenvolvemento dun dispositivo para a monitorización de marcadores de calidade ambiental”, realizado por Pablo Mariño Boga;

 “Sistema de validación de títulos académicos baseado en tecnologías Blockchain”, de Gabriel Fernández Blanco; e “Sistema de posicionamento de teléfonos Android a través das propiedades físicas do son”, elaborado por Rubén Somoza Domínguez.

Mañá, mércores, coincidindo coa Feira de Prácticas e Emprego que se celebrará na Facultade de Informática, darase a coñecer o primeiro premio de 1500 € e os dous accésits de 500 € cada un. Na Feira de Emprego participarán 22 empresas do sector TIC, que impartirán charlas e obradoiros orientados á inserción laboral do alumnado.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está financiado pola Xunta de Galicia a través do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e as universidades galegas para o reforzo dos centros de investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS).

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC