Dous estudantes da Facultade de Economía e Empresa representarán a Galicia na Final da Global Management Challenge na Cámara de Comercio de España

Nota de prensa
26/02/20 12:09
  • Institucional

Ferrol, 26 de febreiro de 2020.- Botando man dunha empresa ficticia chamada “Alcasa”, Carolina Teijeiro Torrón e Alejandro Fernández Rodríguez, alumnos do Mestrado en Dirección e Administración de Empresas da Universidade da Coruña, gañaron a primeira edición da Global Management Challenge Galicia, un campionato no que participaron máis de cen estudantes universitarios de toda a comunidade e que tivo lugar a pasada semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Logo de acadar este galardón, os dous estudantes da Facultade de Economía e Empresa do campus de Elviña representarán a Galicia na Final Nacional da GMC, un evento que terá lugar os días 22 e 23 de abril na Cámara de Comercio de España en Madrid. Nesa cita, os dous mozos enfrontaranse a equipos procedentes doutras comunidades autónomas como Aragón, Castela e León, País Vasco, Extremadura, Castela A Mancha, Comunidade Valenciana, Andalucía ou Madrid.

O campionato arrincou o pasado mes de novembro con 28 equipos. Logo de pasar unha esixente ronda eliminatoria, tan só sete participaron na final autonómica que acolleu a cidade de Ourense.

 

Máis premiados na Politécnica Superior de Ferrol

Baixo o paraugas da empresa ficticia “CMAJ Ingeniería”, Chistopher Dorado García, alumno do Grao en Enxeñaría Mecánica, Alejandro Veiga Novo, Javier López Veres e Mario Saavedra Gen, estudantes do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, acadaron o Segundo Premio na final galega da Global Management Challenge. Este non foi o único galardón que recaeu na Escola Politécnica Superior de Ferrol xa que Rosalía Chans Veres, Marcos Parada Pombo, Laura Villar Rodríguez e María Fandiño Sánchez, estudantes do Mestrado en Enxeñaría  Industrial, conseguiron tamén que a súa empresa ficticia “Negocios del Noroeste” lograse o Terceiro Premio.

 

Xestión e toma de decisións nun mercado real e competitivo

A diferencia da maioría de competicións de plans de negocio e de creación de empresas, na Global Management Challenge (GMC), os participantes aprenden a xestionar, a tomar decisións axeitadas en cada momento e a entender o seu impacto en todas a áreas da empresa. Do mesmo xeito, tal e como indican desde a organización do certame, inicia aos mozos e mozas universitarios no uso de ferramentas de decisión o que lles permite analizar o estado e evolución da súa empresa ao tempo que se enfrontan a un mercado real e altamente competitivo.

 

 

Foto 1: Carolina Teijeiro Torrón e Alejandro Fernández Rodríguez, alumnos do Mestrado en Dirección e Administración de Empresas que se imparte no Campus de Elviña, gañaron o Primeiro Premio na competición Global Management Challenge Galicia. * Cedida por GMC Spain.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC