A Coruña, 8 de abril de 2026
A Universidade da Coruña celebrou hoxe a sesión constitutiva do seu novo Claustro, órgano de goberno conformado xa en liña cos novos Estatutos, no marco da LOSU. Está composto por un total de 252 persoas representantes dos diferentes colectivos da institución académica.
Nesta xornada configurouse tamén a Mesa do Claustro, composta por un total de 13 persoas: seis representantes do profesorado funcionario e permanente laboral; dous do resto do profesorado; un do PTXAS (persoal técnico, de xestión e administración de servizos); un do persoal contratado en tarefas de investigación e tres do estudantado.
Tamén se elixiu unha representación do Claustro ao Consello de Goberno, un órgano que será así mesmo renovado, tras os diferentes procesos electorais celebrados nas últimas semanas. A súa constitución será o próximo mércores, día 15 de abril.
Así, o Claustro estará representado nese Consello de Goberno por 23 persoas, das cales nove serán Persoal Docente e Investigador (PDI); sete corresponden ao colectivo do estudantado; cinco ao PTXAS e dous ao persoal contratado en tarefas de investigación.
Finalmente, formouse a Comisión Electoral, con seis representantes: tres do PDI; un PTXAS; un de tarefas de investigación e un de estudantado.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC