Comunicado da Universidade da Coruña ao respecto do COVID-19 (coronavirus) e do seguimento do alumnado da UDC en países afectados

Nota de prensa
24/02/20 19:28
  • Institucional

A Coruña, 24 de febreiro de 2020.- A Universidade da Coruña está a facer, a través da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación, un seguimento continuo do desenvolvemento e evolución das alertas sanitarias relativas ao COVID-19 (coronavirus) e o risco potencial para as persoas que están en mobilidade ou próximas a realizar unha mobilidade. O Servizo de Prevención de Riscos da UDC proporciona a información máis actualizada que nos chega do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, da Xunta de Galicia, da Organización Mundial de Saúde e do Centro Europeo para Control e Prevención de Enfermidades: https://www.udc.es/es/prl/vixilancia/coronavirus-2019-ncov/

Non é conveniente xerar alarmas inxustificadas. As autoridades españolas e dos países implicados están a realizar todas as accións que permitan minimizar os efectos negativos da epidemia. Non obstante, desde a UDC estase a facer un seguimento continuo da situación do noso alumnado desprazado naqueles países onde xurdiron focos do coronavirus:

Italia: Como resposta ao aumento no número de casos na zona Norte de Italia, as autoridades das rexións de Lombardía, Véneto, Reggio Emilia e Piamonte, decidiron pechar temporalmente os campus universitarios durante polo menos unha semana, ata o 1 de marzo. As oficinas de relacións internacionais das universidades afectadas seguen activas e recomendan aos alumnos comunicarse vía correo electrónico e frecuentar o menos posible os lugares comúns.

A UDC está en comunicación constante cos estudantes e coas universidades afectadas, das que estamos a recibir información sobre as medidas de prevención adoptadas. O comezo das clases espérase para o 2 de marzo. Continuaremos informando sobre calquera cambio que houbese nas universidades italianas.

Corea do Sur: Seguindo as recomendacións dos Ministerios de Educación e de Asuntos Exteriores, as universidades do país coreano decidiron atrasar dúas semanas o comezo das clases, ata o 16 de marzo.

Os estudantes de mobilidade en Corea están recibindo apoio das universidades de destino e da Oficina de Relacións Internacionais da UDC. Continuaremos proporcionando información actualizada sobre os nosos programas de mobilidade neste país.

A prioridade da Universidade da Coruña é garantir a seguridade do noso estudantado e persoal en mobilidade, polo que instamos a todas as persoas nesta situación a seguir os protocolos sanitarios da OMS e das autoridades locais.

A Oficina de Relacións Internacionais (rrii@udc.es) da Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación da UDC resolverá calquera dúbida e dará todo o apoio necesario ás persoas en mobilidade para tratar de minimizar os inconvenientes que esta situación poida provocar nas estancias previstas.

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC