A Coruña, 31 de xaneiro de 2025.- O Centro de Linguas da UDC desenvolverá desde o próximo luns, día 3 de febreiro, os cursos de galego dirixidos a membros da carreira e escola xudicial. Unha formación que se enmarca no convenio entre a UDC, a través do Centro de Linguas, e o CGPX.
Este programa de formación consta de dous cursos diferenciados: un de iniciación, deseñado para xuíces e xuízas que se acerquen ao galego por primeira vez, e un curso de usuario independente, dirixido aos que buscan perfeccionar o seu dominio do idioma.
Esta iniciativa, que se pon en marcha nesta primeira formación con 16 persoas, ten como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito xudicial, facilitando a súa integración no desenvolvemento profesional de xuíces, maxistrados e demais operadores, de xeito que se acade unha mellor comunicación e acceso á xustiza en lingua galega.
O Centro de Linguas da UDC reforza así o seu compromiso coa formación de calidade á sociedade e a todas aquelas institucións ou sectores profesionais que desexen mellorar as súas competencias lingüísticas, xa sexa para internacionalizarse ou para adquirir novos coñecementos ou perfeccionamento en diferentes idiomas. https://www.centrodelinguas.gal/
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC