As universidades da Coruña e Santiago alíanse con IndesIA para a mellora da formación do alumnado en Intelixencia Artificial e Big Data

Nota de prensa

12/04/23 12:09

  • Institucional
  • IndesIA, a asociación que promove a aplicación da intelixencia artificial (IA) na industria, asinou un acordo de colaboración coas dúas institucións académicas galegas para impulsar a oferta de formación en Big Data e a IA.
  • O obxectivo da colaboración supón a capacitación do talento para reducir a fenda existente entre o número de profesionais expertos nestas tecnoloxías e as necesidades que as empresas industriais presentan na actualidade. Segundo un estudo de IndesIA, o tecido empresarial nacional requirirá de 90.000 expertos en materias relacionadas con datos e a Intelixencia Artificial.

 

A Coruña, 12 de abril de 2023.- IndesIA, a asociación para o impulso da economía do dato e a intelixencia artificial na industria súmase á Universidade da Coruña e á Universidade de Santiago de Compostela mediante un acordo de colaboración que busca promover a formación de profesionais en materias relacionadas con Big Data e a IA.

Desta forma, impulsarase a formación en novas tecnoloxías dos estudantes das dúas universidades galegas, a través da realización de diversas actividades formativas como cursos, seminarios ou programas educativos. O acordo tamén contempla que as empresas asociadas de IndesIA participen na realización e presentación de casos de uso nos estudos relacionados con Big Data e intelixencia artificial, que ademais levarán asociada a obtención da certificación “selo IndesIA”.

Tamén, prevese a creación de cátedras e aulas en materia de Intelixencia Artificial e do dato, e o deseño de títulos propios para poder dar resposta á demanda de perfís profesionais que IndesIA, tendo en conta o seu estudo de perfís formativos, estima que serán os máis demandados no sector industrial a curto e medio prazo.

Por outro lado, IndesIA prestará asesoramento e participará nos planes de estudo de másteres e materias específicas, ademais contémplase que a asociación poida formar parte de actividades e proxectos de investigación conxunta. Desta forma, o alumnado das dúas universidades galegas poderá beneficiarse da titorización de proxectos fin de grao e másteres e a realización de prácticas profesionais nas empresas asociadas de IndesIA.

Con este acordo a asociación pretende dar un paso máis para paliar a escaseza de profesionais expertos en materias relacionadas con Big Data e intelixencia artificial, que supón un dos maiores retos a solventar para a modernización da industria. Segundo advirten os expertos, en 2025 as empresas do sector necesitarán 90.000 profesionais para poñer en marcha os proxectos relacionados con esta tecnoloxía.

Neste sentido, Nuria Ávalos, directora xeral de IndesIA, explicou que “impulsar a formación en Big Data e a Intelixencia Artificial mediante a colaboración con centros educativos, é unha das prioridades de IndesIA que atende a un dobre motivo. Por un lado, á necesidade de contar cada vez con máis talento experto que poida poñer en marcha proxectos destinados a modernizar e facer más eficiente a actividade industrial. E por outro, porque nos permite asegurarnos que empresas e centros educativos estamos aliñados entre a formación que se imparte e a capacitación dos profesionais que as organizacións demandan”.

Pola súa parte o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, enfatizou a habitual relación da UDC co sector empresarial para ofrecer unha mellor docencia universitaria, necesaria en todos os ámbitos, e máis aínda en temas tan novidosos como os que abarcan a enxeñaría de datos e a intelixencia artificial. Abalde destacou ademais que a UDC como universidade que imparte varios títulos de grao e máster desta área, poderá aportar pola súa parte ás empresas o coñecemento de profesorado e de persoal investigador de prestixio internacional.

En relación a este acordo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, afirmou que “a unión fortalece a nosa capacidade para avanzar e para facelo de forma máis eficiente. Sobre a base da cooperación poderemos coñecer de primeira man as necesidades da industria nun campo que se atopa na actualidade en plena ebulición e desenvolvemento. Ao mesmo tempo, os nosos socios industriais poderán ter tamén unha perspectiva realista e precisa do noso potencial e das nosas particularidades”. Na súa opinión, trátase dunha colaboración de especial transcendencia por fixar unha confluencia que “sen dúbida, terá como beneficiarios ao noso alumnado e por extensión á sociedade: a existencia de comunicación estreita entre industria e universidades axudará a sinerxías necesarias que retroalimentan a razón de ser de cada unha das partes”.

 

Sobre Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña é unha universidade nova, moderna e de calidade; en constante actualización da súa oferta de títulos para adaptalos ás necesidades da sociedade. Isto fixo que destaque na adecuación da formación impartida na UDC aplicada ao posto de traballo dos seus titulados. O 78% dos graduados traballa en algo relacionado coa súa titulación, e o 87% no caso dos titulados de máster.

Ofrece, entre outras titulacións novidosas, o Grao en Enxeñaría Informática, con todas as especialidades ofrecidas en España; Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos; Grao en Intelixencia Artificial; Máster Universitario en Ciberseguridade; Máster U. en Informática Industrial e Robótica; Máster U. en Intelixencia Artificial e Máster U. en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial.

A UDC destaca tamén en investigación da área TIC co Centro de Investigación en TIC (CITIC), acreditado pola Xunta de Galicia como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego. Estrutúrase en catro áreas de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes. Ademais, a UDC promove a Cidade das TIC, un espazo que se inaugurará este ano no que convivirán empresas do sector TIC con docencia e investigación da UDC.

 

Sobre Universidade de Santiago de Compostela

A de Santiago de Compostela é unha das tres universidades públicas galegas e unha das de maior tradición no conxunto do Estado, tanto pola súa traxectoria histórica de máis de 500 anos como pola súa presenza nos principais ránkings internacionais. A súa oferta docente e investigadora abrangue os principais ámbitos de coñecemento, con particular atención ás novas demandas sociais e a posibles nichos a partir dos que desenvolver novas propostas, tanto docentes como investigadoras, baseadas no coñecemento e o rigor académico.

 

Sobre IndesIA

IndesIA é unha asociación creada para impulsar o uso dos datos e a intelixencia artificial na industria española, promovida por Repsol, Gestamp, Navantia, Técnicas Reunidas, Telefónica, Microsoft, Airbus, Ferrovial e Inditex e da que forman parte grandes empresas e pemes industriais. A asociación conta co apoio do Basque Artificial Intelligence Center (BAIC), Accenture e FIGroup e a colaboración de institucións académicas e provedores tecnolóxicos. O seu obxectivo é posicionar a España como referente no uso dos datos e a intelixencia artificial no ámbito industrial e impulsar o desenvolvemento da economía do país.

 

Foto: Acto de firma do convenio entre o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a directora xeral de IndesIA, Nuria Ávalos.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC