Aprobado o Decreto polo que se aproban os Estatutos da UDC

Nota de prensa

6/10/25 15:06

  • Institucional

 

  • A nova normativa, composta por 193 artigos, entrará en vigor ao día seguinte sa publicación no DOG

 

A Coruña, 6 de outubro de 2025.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o Decreto polo que a Universidade da Coruña (UDC) aproba os seus estatutos adaptados á Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario (LOSU), unha vez superado o trámite de control de legalidade da Xunta de Galicia. A normativa entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no DOG

 

Desta forma, a normativa da UDC adáptase aos preceptos da LOSU, dentro do prazo de tres anos establecido, sendo a primeira do SUG en realizar este proceso.

 

Os estatutos foron aprobados o pasado 12 de maio polo Claustro da UDC por maioría absoluta con 170 votos a favor, dous en contra, cinco en branco e un nulo. Están compostos por 193 artigos, distribuídos en nove títulos, 4 disposicións adicionais, 3 transitorias, unha derrogatoria e unha final.

 

No Título I recóllese a estrutura da Universidade, que conserva a existencia de facultades e departamentos, aos que se engade a Escola Internacional de Doutoramento e os centros de investigación.

 

O Título II fai referencia á comunidade universitaria, cun total de 56 artigos con disposicións específicas sobre o estudantado, profesorado, persoal técnico, de xestión, administración e servizos e persoal contratado para tarefas de investigación, colectivo este último que se incorpora ao texto estatutario tras unha antiga reivindicación para desfrutar de dereitos electorais, con presenza nos órganos de goberno e representación da Universidade (así contarán, por exemplo, coa representación do 5% na composición do Claustro).

 

Neste título regúlanse as garantías dos dereitos da comunidade universitaria, a través da Valedoría Universitaria, a Comisión de Convivencia, a de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, e a Comisión de Igualdade, que se crea co obxectivo de atender ás persoas da comunidade en situacións de discriminación e acoso por cuestión de xénero.

 

Os órganos de goberno e representación na Universidade e o réxime xurídico dos órganos colexiados e unipersoais forman parte do articulado do Título III.

Neste punto, acorde á LOSU, os mandatos para os órganos unipersoais serán dun máximo de 6 anos.  Introdúcense ademais novidades como o prazo máximo de tres meses para substitucións temporais do cargo, agás as excepcións recollidas nos Estatutos, como enfermidade ou permisos de paternidade ou maternidade, entre outras excepcionalidades. Como novidade, nos artigos 98 e 99, inclúese un procedemento para cesamento extraordinario do reitor ou reitora e os restantes cargos unipersoiais electos antes de expirar o mandato.

 

Outra das novidades é a fórmula de nomeamento das direccións dos centros de investigación, que desde a entrada en vigor deste texto serán por elección directa, por sufraxio universal ponderado polo persoal adscrito ao centro, entre o seu profesorado funcionario ou permanente laboral e persoal adscrito ao centro a través de programas de ciencia excelente. En sentido similar, a persoa directora da Escola Internacional de Doutoramento elixirase polas persoas que compoñen o Comité de Dirección da Escola entre o profesorado funcionario ou permanente laboral cun mínimo de tres sexenios de investigación ou transferencia.

 

No Título IV regúlase a Administración universitaria e o sector público institucional, os principios xerais de actuación, as unidades administrativas básicas, a inspección de servizos, as fundacións públicas e outras persoas xurídico-públicas e as entidades ou empresas baseadas no coñecemento.

 

Así, neste punto e co obxecto de impulsar e protexer o uso do galego na Universidade, refórzase a Unidade de Normalización Lingüística á que se lle da a consideración de Unidade básica da UDC xunto a outras que teñen esta condición por mandato da LOSU.

 

Polo que se refire ao Título V, este recolle a actividade da Universidade: docencia, investigación, transferencia e transmisión de coñecemento, así como os servizos universitarios. Aquí destaca a aposta pola ciencia aberta e consideración como servizos esenciais os de aloxamento, arquivo e biblioteca universitaria. No caso do aloxamento, a UDC procurará manter e ampliar a oferta de prazas nas residencias públicas. Polo que respecta ao arquivo, este ofrecerá un servizo de xestión documental que permita acadar unha maior eficacia no uso de documentos por parte da administración universitaria.

 

O Título VI está protagonizado polo réxime económico-financeiro, control interno e o patrimonio da Universidade mentres que o VII establece o réxime de celebración de actos académicos, outorgamento de honras e imaxe corporativa e institucional da Universidade.

 

Finaliza o texto co Título VIII, que regula a reforma dos Estatutos, e con 4 disposicións adicionais, 3 transitorias, 1 derrogatoria e 1 final.

Nas disposicións adicionais destaca a referencia aos hospitais e centros universitarios asociados. Un eido no que se establece que a UDC poderá establecer concertos coa Comunidade Autónoma, e coa Administración do Estado para impartir ensinanzas clínicas en hospitais universitarios, de acordo coa lexislación vixente.

 

 

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC