A Coruña, 3 de maio de 2022.- A Cidade das TIC acollerá mañá, mércores, 4 de maio, ás 12:00 horas o acto de inicio das obras do Centro de Servizos Avanzados.
Ao simbólico evento promovido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, asistirán o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones; e a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey; xunto co arquitecto gañador do proxecto do CSA, Carlos Pita, e o director da empresa adxudicataria do proxecto, Construción ACCIONA, Alejandro Casielles.
Centro de Servizos Avanzados
A Cidade das TIC recibiu o apoio financeiro de 4,8 millóns de euros da Xunta de Galicia, a través do Igape, para a construción do Centro de Servizos Avanzados. O proxecto do arquitecto Carlos Pita foi o gañador do concurso para a rehabilitación da Fábrica de Armas como Cidade das TIC así como para o deseño do primeiro dos edificios, o CSA, que ocupará unha das naves da Fábrica de Armas. A empresa ACCIONA executará as obras de rehabilitación por un importe de 3,5 millóns de euros.
Para o CSA proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto de Carlos Pita plantexa a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal. Esta nave acollerá empresas do sector tecnolóxico, para o que o Clúster TIC recibiu solicitudes formais para 17.000 m2 de superficie. O Clúster adxudicou os espazos ás empresas Imatia, Cinfo, ITG, Xoia, Enxenio, Odeene, Tokiota, Dataspartan, Soslife7 e Itelsis. Ademais recibiu a petición da firma Denodo para ocupar unha nave enteira.
Cidade das TIC
O 18 de febreiro de 2020 o Ministerio de Defensa resolveu outorgar unha concesión demanial á Universidade da Coruña sobre os terreos e as instalacións que conforman a propiedade denominada Fábrica de Armas da Coruña.
A Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo e comprende todos os inmobles da Fábrica de Armas. Cunha superficie aproximada de 127.943 m2, os seus principais inmobles están formados por sete naves industriais da antiga Fábrica: almacén xeral; prensas e canóns; revisión e metroloxía; forza, pulimento e tratamentos térmicos; mecanismos, montura e montaxe; diversas, electricidade, caldeiraría e soldadura; e tratamentos superficiais e areado, así como outros edificios do complexo. Sobre estas instalacións e terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial pola prestación de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñibles en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e serva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais.
A Cidade das TIC será un ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia Artificial e Big Data; un centro demostrativo e de servizos avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas; espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial TIC para o aloxamento de pequenas e grandes empresas tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade.
O proxecto da Cidade das TIC está entre os candidatos a recibir fondos Next Generation. Ademais, o proxecto Galaxy-Lab do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), outra entidade que se asentará na Cidade das TIC, recibiu da Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, unha subvención para a posta en marcha deste laboratorio no que se dedicará a experimentar con vehículos aéreos non tripulados (drons) para o transporte de mercadorías e pasaxeiros en contornos urbanos.
A Universidade da Coruña convocou tamén o concurso de ideas para o deseño do novo edificio Centro de Investigación TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, gañado pola proposta presentada por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. Este edificio de nova construción será un centro de I+D+i denominado CITIC-IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero contempla a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC