A Coruña, 9 de xaneiro de 2023.- A vicerreitora de Internacionalización e Cooperación da Universidade da Coruña, Pilar García de la Torre, entregou xunto co director da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), José Jesús Cendán Verdes, os premios aos mellores Traballos de Fin de Grao (TFG) en cooperación ao desenvolvemento.
Nesta edición, foron galardoados o alumno Xabier Rodríguez Seijas, estudante do Grao de Arquitectura, que recibiu o primeiro premio ao mellor TFG, dotado con 800 euros; e o alumno Eloi Fernández Ramos, estudante do Grao de Educación Social, que acadou o segundo premio ao mellor TFG, dotado con 400 euros. No caso da categoría de TFM, os premios quedaron desertos.
A OCV convocou no pasado mes de novembro unha nova edición dos Premios UDC a Traballos de fin de Grao e Traballos de Fin de Máster (TFM) en cooperación ao desenvolvemento. Esta iniciativa pretende contribuír á transformación local e global, potenciando aqueles estudos e traballos que axuden a un mellor coñecemento das prácticas enfocadas ao desenvolvemento humano sustentable na contorna, ademais de promover o coñecemento e a sensibilización sobre os retos globais.
O acto de entrega celebrouse o pasado 22 de decembro no salón de graos da Facultade de Socioloxía.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC