A Coruña, 30 de maio de 2024.- A Universidade da Coruña acolle estes días a reunión da Rede OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación), alianza conformada por 70 universidades e 10 entidades adscritas de toda España.
Tras a recepción oficial dos participantes realizada onte no Concello da Coruña, hoxe tivo lugar a inauguración oficial, presidida polo reitor da UDC, Ricardo Cao, acto no que estivo acompañado polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas; o presidente da Rede OTRI, Salvador Coll, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Casto.
Desde hoxe e ata mañá, as persoas asistentes (máis de 160) a este encontro nacional analizarán no Paraninfo da UDC a situación de España no que se refire a transferencia de coñecemento á sociedade e á empresa, un eixo que cobra cada vez máis peso nas universidades galegas.
Unhas xornadas nas que, como salientou o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas, servirán para analizar o papel das OTRIs, o seu modelo de futuro e o seu papel como eixo de transferencia de coñecemento á sociedade. Concretamente, explicou, “no caso da UDC, contamos cunha oficina con ramificacións nos centros de investigación e campus especialidade que está a ter resultados moi positivos” .
Tal e como destacou Salvador Coll, presidente da Rede OTRI, “temos por diante dous días para reflexionar nesta función de transferencia, buscando que as universidades incidamos en conseguir un futuro máis sustentable e próspero, baseado no coñecemento”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de castro, subliñou a importancia da Rede OTRI, que co paso do tempo ten amosado o seu papel de impulso á transferencia, unha labor na que “as universidades e comunidades autónomas estamos obrigados a acompañar e facelo ao ritmo que demanda a sociedade”, sobre todo tendo en conta que España ocupa a undécima posición mundial en produción científica. É preciso, por tanto, “facer un maior esforzo para que a Universidade considere prioritaria a transferencia, ao mesmo nivel que as titulacións”.
Pola súa banda, o reitor da UDC, Ricardo Cao, abundou no compromiso da UDC por ese triángulo investigación-educación superior-transferencia, unha fórmula clave para poder avanzar en investigación. Neste marco, detallou que no 2023 a cooperación empresa-universidade traduciuse en máis de 250 contratos (en consonancia co artigo 60 da LOSU) que supuxeron a mobilización de 6 millóns de euros. Un desenvolvemento que tamén se ve reforzado coas cátedras, actualmente en marcha unha trintena.
Na UDC, explicou, “contamos con importantes referencias desa transferencia nos centros de investigación (CITIC, CICA, CITEEC, CITENI) e o propio Campus Industrial” e, máis recentemente, “temos na Cidade das TIC, unha mostra desa colaboración para crear un polo científico-tecnolóxico no ámbito das TIC, que está chamado a ser un dos de maiores avances a curto e medio prazo”.
Foto 1: de esquerda a dereita, o presidente da Rede OTRI, Salvador Coll; o reitor da UDC, Ricardo Cao; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Casto; e o vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.
Foto 2: a Universidade da Coruña acolle estes días a reunión da Rede OTRI (Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación), conformada por 70 universidades e 10 entidades adscritas de toda España.
Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC