A reunión do reitor na Facultade de Fisioterapia pon de relevo o alto nivel de investigación deste centro

Nota de prensa
18/03/19 11:50
  • Institucional

A Coruña, 18 de marzo de 2019.- O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e a vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, reuníronse o pasado 28 de febreiro coa comunidade académica da Facultade de Fisioterapia, nun encontro introducido pola decana, María Luz González Doníz. Estas visitas teñen como finalidade achegar a Reitoría e recibir o feedback de cada un dos centros.

O reitor explicou a situación de desenvolvemento de proxectos xa presentados polo seu equipo de goberno, froito dos retos que se plantexaron cando chegaron á Reitoría para adaptar a universidade aos tempos cambiantes actuais e que se estruturan en accións de docencia, investigación, transferencia e internacionalización. En canto á docencia, considerouse necesario actualizar algúns títulos e incorporar outros novos. En investigación, apostouse por dar máis apoio aos investigadores para que concorresen a proxectos europeos, nun contexto nacional e autonómico de retroceso de fondos para investigación. Sen caer na autocomplacencia, Abalde valorou positivamente as melloras acadadas. “Imos polo camiño pero non é suficiente”, confesou engadindo o dato dos dous millóns de euros conseguidos en 2018 para investigación, cifra récord na UDC así como tamén récord de solicitudes a convocatorias europeas. Polo que respecta á transferencia, plantexouse como unha relación institucional entre a UDC e as empresas do contorno, para abrir novas vías de colaboración. Como primeira consecuencia aumentaron o número das cátedras de empresa, que superan a decena. De forma transversal a todo iso, explicou o reitor, proxéctase o reto de potenciar a internacionalización da universidade. Este curso a UDC recibiu máis de 650 alumnos estranxeiros. Ademais incrementáronse os itinerarios en inglés nas titulacións, actualmente hai oito graos con opción de estudar o 40% das materias en inglés. “Somos a universidade galega coa maior oferta en inglés”, declarou Abalde. A UDC ofrece tamén catro graos coa posibilidade de dobre título internacional: Informática, ADE, Dereito e Inglés.

Todas estas actuacións teñen distintos axentes actuando, cunha estrutura complexa sen recursos de coordinación entre os distintos estamentos, polo que se considerou que tiña que estar baseado nunha nova estrutura e de aí xurdiu a idea dos campus de especialización. Estes teñen un dobre obxectivo, por un lado actuar como elementos de coordinación e, polo outro, captar novos recursos de financiamento.

 

Novos títulos

Fálase de que no futuro as profesións serán distintas das actuais pero ninguén especifica cales serán esas profesións, dixo o reitor, polo que a UDC aposta por que os seus novos títulos sexan o máis transversais posibles para darlles versatilidade aos egresados e que se poidan adaptar mellor a un futuro ambiente laboral. Estes novos títulos abarcan máis dun centro e dunha especialidade e son responsabilidade dos campus de especialización. O campus de Ferrol especializouse como Campus Industrial, e A Coruña como Campus Sustentabilidade e Campus Innova. Este curso implantáronse o Grao en Xestión Industrial da Moda, exemplo de transversalidade porque abarca deseño, loxística, economía, publicidade, etc. ademais de ser multilingüe en inglés (todo o alumnado cursa obrigatoriamente o 40% das materias en inglés), o primeiro destas características no Sistema Universitario Galego; e tamén se implantou o Grao en Paisaxe, interuniversitario cos dous primeiros anos no campus de Lugo e os dous últimos na Escola de Arquitectura.

O próximo curso implantaranse o Grao en Xestión da Información e a Documentación Dixital, o Grao Dual en Enxeñaría Eléctrica, primeiro dual do SUG; o Grao en Ciencia e Enxeñaría de Datos e o Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos; e para o curso posterior o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía.

“Estamos adaptando as estruturas da universidade a unha nova forma de funcionamento cunha maior interactuación de centro, departamentos e grupos de investigación, todo isto nunha situación económica que non é dramática pero si de perigo”, resumiu o reitor, engadindo que seguen a manter as dúas prioridades que veñen defendendo todos estes anos: manter o plantel de persoal e as axudas ao estudantado.

Xa na quenda de debate aberto unha das docentes queixouse de que os proxectos de investigación europeos son moi difíciles de conseguir polo que se faría necesario que houbese convocatorias a nivel nacional e autonómico. O reitor explicou que precisamente pola importante redución de proxectos estatais e autonómicos, que como reitor segue a reclamar ante a Xunta, están animando aos investigadores a agruparse en grupos potentes que faciliten o acceso ás propostas europeas. Os proxectos europeos teñen máis financiamento pero son moi complexos desde o punto de vista administrativo e burocrático e aí é onde a UDC está ofrecendo un maior apoio.

A decana informou do alto nivel investigador deste centro, da metade para arriba en produción científica de todos os grupos de investigación da UDC, e demandou financiamento propio da UDC. Abalde comentou que a universidade destina 800.000 euros para grupos de investigación consolidados coa avaliación ANEP, e animou a mellorar os indicadores para poder concorrer a convocatorias externas dotadas de máis financiamento.

Docentes deste centro tamén se queixaron da falta de espazo, “este edificio pensouse para un centro e estamos tres”, lamentou a decana. O reitor plantexou como posible solución unha mellor optimización dos espazos existentes posto que a Xunta non ten fondos para construír edificios novos. A decana inmediatamente acolleu esta solución e asegurou que xa teñen unha proposta de optimización dos espazos que Abalde se comprometeu a analizar. O reitor lembrou que a construción dos edificios fíxose para unha docencia que agora, con Boloña, é distinta, con grupos máis reducidos que fai que os centros se queden escasos de espazos.

Un dos docentes pediu unha especial vixilancia na intromisión doutros profesionais en temas de fisioterapia e outro amosou a súa sorpresa pola consideración dun novo grao como dual cando a Fisioterapia leva tempo con metodoloxías docentes innovadoras e cunha carga importante de formación na empresa. A vicerreitora de Oferta Académica explicou que a esencia da dualidade, ademais doutras implicacións, é que o estudantado ten un contrato de traballo por un mínimo de 60 créditos, ademais de lembrar que as titulacións sanitarias ou as de maxisterio xa inclúen o practicum e non precisan formación en empresa. Neste aspecto, subliñou o reitor, esta facultade ten moito avanzado. A decana apuntou que coa nova normativa das prácticas en empresas podería verse afectado o centro pero o reitor tranquilizouna á espera de ver como se desenvolve.

No que respecta aos mestrados profesionalizantes a decana comentou a especial dificultade de poder atraer a profesorado de recoñecido prestixio ao que o reitor alegou que o sistema de acceso está regulado polo que ten difícil solución nun mestrado oficial. Abalde lembrou ademais que a carga docente é a que permite estruturar as áreas para a dotación de profesorado. A conversa seguiu por diversos temas de investigación e coas dificultades que está a crear a nova Lei de contratación antes de dar o encontro por rematado.

Publicado por: Gabinete de Comunicación da UDC